O espazo natural de Xunqueira de Alba, fogar para máis de 73 especies de aves distintas

Concello de Pontevedra encargou un estudo sobre a diversidade da aves que habitan total ou parcialmente nesta contorna entre o 14 de abril e o 30 de setembro de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

Un estudo encargado polo Concello de Pontevedra detectou 73 especies de aves distintas no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de Xunqueira de Alba entre o 14 de abril e o 30 de setembro de 2020.

A Concellaría de Desenvolvemento Sustentable e Medio Natural fixo público este mércores o estudo sobre todas as aves observadas no período de primavera-verán, no que se inclúen tanto as especies que viven nesta contorna todo o ano como as que veñen na primavera para criar e aquelas migradoras (que non crían, pero que utilizan o ENIL para descansar e alimentarse na súa viaxe).

O traballo de seguimento, que foi realizado polo biólogo Vítor Xosé Cabaleiro Barroso, constatou a presenza de 26 especies migradoras transaharianas, é dicir, que invernan en África, ao sur do deserto do Sahara, e que chegan na primavera a criar en Europa. Cabaleiro Barroso xa realizara outras investigacións neste espazo, publicando tamén unha guía de anfibios do ENIL da Xunqueira de Alba e no ano 2010 unha guía de aves.

ESPECIES CON PROTECCIÓN ESPECIAL

O concelleiro de Desenvolvemento Sustentable, Iván Puentes, presentou este estudo, xunto con Sara Teijeira, enxeñeira técnica no medio Ambiente Natural do Concello de Pontevedra, que destacou que ningunha especie das que aparece neste traballo de investigación se atopa en perigo de extinción, pero si que boa parte delas está catalogada, e por tanto, requiren algún tipo de protección especial.

Segundo o biólogo Vítor Xosé Cabaleiro, o seu traballo permitiu detectar neste espazo natural "unha especie de recente aparición na cidade, o cirrio pálido (apus pallidus), que non fora vista nunca antes no ENIL e cuxa cría en Pontevedra foi descuberta por primeira vez en 2015".

O concelleiro, pola súa banda, destacou "a minuciosidade, paciencia e tempo de dedicación que requiriu o traballo, xa que para efectuar este labor de detección de aves fixéronse censos cada dez días, percorrendo todo o ENIL cun itinerario fixo e anotando todas as especies vistas e ouvidas".

Elaboráronse censos un total de 17 días, percorréndose uns 4,7 quilómetros diarios e detectándose en cada censo unha media de 158 individuos e 34 especies distintas ao día. Complementariamente, o autor do estudo tamén desenvolveu entre os meses de agosto e setembro 13 xornadas de anillamento científico de aves no interior de Xunqueira de Alba, coa finalidade de capturar especies de difícil detección aproveitando o paso migratorio outonal.

En conxunto, foron capturadas 228 aves de 26 especies e, como curiosidade, o 7 de agosto atrapouse un exemplar de 'carricerín común' (acrocephalus schoenobaenus) que fora anillado en East Sussex, Inglaterra, o 6 de setembro de 2019. Vítor Xosé Cabaleiro mesmo puido avistar na Xunqueira un pelicano escapado dunha colección en Francia.

Espazo natural de Xunqueira de Alba, en Pontevedra
Espazo natural de Xunqueira de Alba, en Pontevedra | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta