Autónomos e hostaleiros botan "cartas aos políticos" na "urna da indignación"

Estas cartas manuscritas "contan a situación actual ante unha falta de compromiso dos alcaldes e respectivos concellos", aseguran os profesionais de Ferrolterra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

Autónomos, hostaleiros e tamén asalariados de Ferrolterra entregaron este mércores as súas "cartas aos políticos", do mesmo xeito que se fosen aos Reis Meigos, durante unha nova concentración desenvolvida desde as 19,00 horas na praza de Armas de Ferrol.

Para iso, depositáronas na "Urna da indignación" e nelas narraron a súa situación persoal, as axudas económicas recibidas ata a data por parte das administracións e se o negocio que rexentan ou do que son empregados está aínda aberto ou se, pola contra, se viron obrigados a ter que pechar.

O acto de protesta estivo de novo convocado por Hosteleiros e Autónomos Ferrolterra (H.A.F.), cuxo portavoz, Tony Torres, detallou que "estas cartas manuscritas contan a situación actual ante unha falta de compromiso cos cidadáns por parte dos alcaldes e respectivos concellos".

Os hostaleiros tamén teñen previsto remitir aos medios de comunicación "algunhas das vivencias persoais, para poder así facerse eco do sufrimento que están a pasar nestes momentos moitas familias". O colectivo volveu a criticar que moitos deles pasaron varias semanas cos seus negocios pechados e, a pesar diso, aínda non percibiron ningún tipo de axuda dos concellos, a pesar de ser estas "as administracións máis próximas".

Protesta dos hostaleiros de Ferrol.
Protesta dos hostaleiros de Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta