Lea entre un hotel e o Concello de Sanxenxo por unha festa de Fin de Ano con máis dunha vintena de denuncias

Persoas de toda Galicia terían saltado o peche do concello para acudir á celebración e a Policía Local comproba a lista de hóspedes. Os responsables do establecemento negan os feitos e din que se reservan o seu dereito a exercer "as accións legais" para defender os seus "intereses", os seus "dereitos" e o seu "bo nome".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 02/01/2021 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A Policía Local de Sanxenxo interveu na noite de Fin de Ano unha festa no Hotel Augusta Eco Wellnes Resort, na que se interpuxeron máis dunha vintena de denuncias e tras a cal se procedeu a comprobar a lista de hóspedes.

Praia de Silgar, en Sanxenxo
Praia de Silgar, en Sanxenxo | Fonte: Minube

Segundo informa o Concello, o establecemento levaba varios días anunciando nas súas redes sociais unha cea con barra libre e DJ para despedir o ano. Por isto mesmo, unha patrulla do corpo local acudiu ao lugar para advertirlle ao seu xerente das infraccións ás que se enfrontaba se finalmente celebrábaa.

Deste xeito, durante toda a xornada do 31 de decembro, incrementáronse os controis nos accesos ao local. Neste labor, os axentes chegaron a interceptar unha vintena de vehículos procedentes de distintos puntos de Galicia, entre eles Muxía, Vigo, Lugo e Ourense.

Cabe lembrar que o concello de Sanxenxo está pechado para conter a pandemia do coronavirus e que, durante as datas propias de Fin de Ano, estaba permitido saltarse o perímetro unicamente por motivos laborais e de reunións familiares, entre outras.

Por iso, os axentes da Policía Local procederon a denunciar as persoas que se desprazaron ata o hotel sen causa xustificada e advertíronlles de que a sanción se podería endurecer se non cumprían as súas indicacións de que volvesen ás súas casas.

COMPROBACIÓNS DE MADRUGADA

Horas máis tarde, sobre a madrugada, outra patrulla acudiu ata o establecemento para realizar as comprobacións pertinentes. Nas súas inmediacións, os axentes localizaron unha parella do Barco de Valdeorras que "non puido xustificar a súa presenza en Sanxenxo", segundo o relato da Policía.

Ademais, unha vez os actuantes accederon ao interior do hotel, corroboraron como había restos da celebración e como "se estaban servindo copas na barra a varias persoas". Tras este episodio, a Policía Local revisou a lista de hóspedes do hotel durante Fin de Ano para proceder ás denuncias que correspondan.

O Concello de Sanxenxo lembra que as sancións por saltarse o peche perimetral, que ascenden a 600 euros por persoa, tramítanse ante a Consellería de Sanidade e que, en caso de reincidencia ou de acumulación doutras infraccións --como é o caso dos condutores que continuaron cara á a festa a pesar de ser interceptados--, tramítanse ante a Subdelegación do Goberno central.

Así mesmo, o xerente do hotel enfróntase a multas por varias infraccións consideradas moi graves e que superan os 15.000 euros en total.

Tras estes feitos, o Concello lamenta que un establecemento "de gran prestixio" fose protagonista deste tipo de accións "que incumpren a normativa sanitaria" e contra as que as autoridades municipais deben ser "contundentes".

RESPOSTA DO HOTEL

O Hotel Augusta Eco Wellnes Resort de Sanxenxo nega estes incumprimentos e avanza que se reserva o seu dereito a exercer "as accións legais" para defender os seus "intereses", os seus "dereitos" e o seu "bo nome".

A través dun comunicado publicado este sábado nas súas redes sociais, a dirección deste complexo insiste en que as informacións que apuntan a unha festa de Noitevella nas súas instalacións --segundo o propio Concello de Sanxenxo-- son "alarmantes", "preocupantes", un "flagrante atropelo á verdade".

Ante iso, o hotel evita entrar "en polémicas nin discusións" nos medios, á vez que lamenta "moi sinceramente" a "máis que desagradable situación que viviron" os seus clientes con controis nas portas por parte da Policía Local, activados despois de detectarse en redes sociais que o establecemento anunciaba unha cea con DJ.

"É radical e absolutamente falso que o Augusta Eco Wellnes Resort celebrase unha festa de Fin de Ano vulnerando a normativa legalmente establecida en materia de seguridade e contraviniendo as normas relativas á protección fronte á covid-19", asegura no comunicado.

E é que, de acordo coa versión do hotel, esta cea era "exclusivamente para os clientes que estaban nel aloxados", polo que asistiron un total de 42 persoas --35 adultos, seis nenos e un bebé-- nun comedor que ten unha capacidade para 270 persoas, "o que representa unnha capacidade de menos do 15 por cento".

Ademais, asegura que as mesas cumprían "rigorosamente" coas distancias, que a cea estivo amenizada con "música ambiental" sen que "en ningún momento" houb aglomeracións nin bailes e que "todos os asistentes" portaban "as súas correspondentes medidas de protección individual".

REQUIRIMENTO DE SAÚDE PÚBLICA

A dirección do hotel recoñece que unha patrulla da Policía Local se presentou no lugar o luns, 28 de decembro, para informar da necesidade de que se cumprise a normativa sanitaria na celebración. Con todo, o establecemento requiriu que se comunicase por escrito "se existía algún tipo de denuncia ou incumprimento".

Dous días máis tarde, o mércores 30 pola mañá, o corpo local entregou un "requirimento de saúde pública", ante o cal a dirección do hotel respondeu pola tarde noutro escrito que "non terá lugar ningunha festa de Fin de Ano, nin haberá baile con barra libre" e que non asistiría "ningún cliente non aloxado".

Así as cousas, o Augusta Eco Wellnes Resort afirma que a súa actitude foi "de total colaboración" coas autoridades municipais, que ademais "estaban plena e totalmente informados e eran coñecedores dos pormenores". "Todo iso sen que recibísemos ningún tipo de advertencia ou reproche" despois do que se lles comunicou o 30 pola tarde, explica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta