Galicia conxelase con -13º

Continúa o aviso laranxa por frío este sábado e con ventos de forza 8 no litoral da Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2021 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

Os municipios ourensáns de Baltar e Calvos de Randín rexistraron na mañá deste venres temperaturas por baixo dos 13 graos baixo cero, as máis baixas de toda Galicia nas últimas horas e nos últimos días.

A estación de esquí de Manzaneda con neve
A estación de esquí de Manzaneda con neve | Fonte: Meteogalicia

Segundo figura nos valores extremos que recolle a web de Meteogalicia, a estación meteorolóxica de Baltar notificou -13,2 graos centígrados ás 8,50 deste venres e a de Calvos marcou -13,1 ás 8,30.

No entanto, os termómetros tamén se esborrallaron por baixo dos 10 graos baixo cero no observatorio do lugar de Vilela, en Verín, con -10,6 graos ás 9,10 horas; e no de Corzos, no municipio da Veiga, con -10,1 graos ás 6,50.

Ademais, entre as estacións meteorolóxicas situadas a unha altitude maior de 900 metros, outras dúas estacións figuran como as que marcaron temperaturas máis baixas de Galicia: a de Viana do Bolo con 9,8 graos negativos ás 8,40; e a de Mouriscade, en Lalín, con 7,7 graos baixo cero ás 9,00.

En canto ás estacións a menos de 900 metros, as mínimas estiveron na de Cabeza de Manzaneda ), a -9,4 graos ás 7,10 horas; no Cebreiro, en Pedrafita do Cebreiro, a -8,3 ás 7,20 horas; na Mezquita, a -7,9 ás 8,50 horas; e en Lardeira, en Carballeda de Valdeorras (Ourense), a -7,8 graos ás 4,30.

AVISO LARANXA

O sur da provincia de Ourense continuará este sábado en aviso laranxa por frío, con temperaturas por baixo de 8 graos negativos. Ademais, sumarase a esta situación a costa da provincia da Coruña, onde o aviso laranxa será por ventos de forza 8.

Segundo informa Meteogalicia, a situación de frío nos municipios do sur ourensán producirase entre as 00,00 horas e as 9,00 horas do sábado, xornada de baixas temperaturas xeneralizadas en Galicia.

Así mesmo, boa parte da Comunidade galega estará en aviso amarelo por frío. E é que se espera que os termómetros se esborrallen pola mañá por baixo dos -6 graos nas montañas de Lugo e Ourense; por baixo dos -4 na comarca de Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra; e dos -1 graos na área pontevedresa do río Miño.

En canto aos avisos por temporal costeiro, todo o litoral galego estará ao longo do sábado en nivel amarelo por ventos de forza 7 que soprarán desde o nordeste a partir do mediodía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta