Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2021 | Actualizada ás 11:01
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde da Consellería de Medio Rural pola que se establecen as bases que regulan a concesión das axudas para o fomento das razas autóctonas galegas e convócanse para o ano 2021, cun importe de 200.000 euros.
O prazo para solicitar estas achegas é dun mes a partir deste sábado. Deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. A liña de achegas ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal.
Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, "xa que as razas autóctonas son un exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos". Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro genealógico das razas autóctonas españolas pola comunidade.
As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealógicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de computadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.