O comité de expertos sopesa volver perimetrar as cidades galegas

Sanidade estudará este martes aplicar máis restricións co foco nas urbes máis afectadas e a hostalaría. A Coruña, Santiago e Ourense, as que máis preocupan.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

O máximo órgano asesor da Consellería de Sanidade durante a pandemia do coronavirus reunirase de novo este martes, cando revisará a incidencia nos concellos galegos e estudará a aplicación de novas restricións enfocadas na hostalaría e as urbes máis afectadas.

Un grupo de persoas toma consumicións nunha terraza
Un grupo de persoas toma consumicións nunha terraza | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Aínda que a Xunta descarta o peche total do sector en Galicia, revisaranse os actuais horarios da hostalaría, como mínimo, nas cidades que presentan unha situación epidemiolóxica máis grave, Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense.

Ademais, entre as opcións que se barallan a nivel galego para limitar a mobilidade e os contactos sociais inclúese a posibilidade de fixar o peche destes establecementos ás 18,00 horas.

Precisamente, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este luns que se prevé non só que as medidas non se poderán "relaxar", senón que "probablemente nalgún caso haberá que polas máis duras".

En concreto, exponse optar polo coñecido como 'modelo O Carballiño' ou algunha variante nos concellos máis afectados pola pandemia, o que leva un peche da hostalaría e outras actividades non esenciais para minimizar os contactos sociais.

REVISIÓN DOS PERÍMETROS URBANOS

Adicionalmente, o comité de expertos que asesora á Xunta baralla volver a perimetrar a Galicia urbana con carácter xeral, medidas serán adoptadas tras unha análise da situación de cada localidade ao detalle.

A este respecto, contémplase suprimir o peche de grupos de concellos perimetrados de forma conxunta dada a dificultade que pode ocasionar manter confinamentos dese tamaño.

Do mesmo xeito, prevese a adopción de novas medidas para Ferrol ante o aumento da incidencia acumulada de novos casos nesta cidade.

A Consellería de Sanidade tamén aposta por manter a intensidade dos cribados nas residencias de maiores ata que se finalice a vacinación dos seus usuarios e reitera a súa recomendación á poboación de optar por un "autoconfinamiento".

No entanto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu esta fin de semana que o confinamento xeral non está sobre a mesa.

Mentres, Galicia permanece pechada perimetralmente tras decidir o Goberno galego a ampliación desta medida ata finais de xaneiro e establecer un maior control na fronteira co norte de Portugal debido á situación epidemiolóxica desta rexión do país veciño.

SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA

Así as cousas, a terceira onda en Galicia obsérvase nos novos casos de coronavirus diarios confirmados por PCR, que se sitúan por enriba dos 600 por 100.000 habitantes e este sábado alcanzaron o seu máximo da pandemia, e os pacientes con infección activa, que se manteñen á alza e superan os 8.000.

Esta situación tamén se reflicte na presión asistencial, xa que o número de persoas con coronavirus ingresadas en centros hospitalarios galegos aumentou en 47 no último día ata alcanzar as 468.

En cambio, unha vintena de altas recibidas na xornada anterior permitiu que, por primeira vez desde o día 2, os casos en usuarios de residencias diminuísen ata contabilizar 268, aínda que este fin de semana chegaron a supor máis do dobre que hai 14 días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Próculo

Pero non están xa?