A celebración do Congreso Federal do PSOE en outubro obriga a pospor a cita do PSdeG

Gonzalo Caballero aínda non desvelou se optará a revalidar o seu cargo á fronte dos socialistas galegos.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

A celebración do Congreso Federal do PSOE na segunda quincena de outubro obrigará a pospor a cita congresual que o Partido Socialista de Galicia debería celebrar nese mesmo mes de 2021, data na que se cumpren catro anos da elección da actual executiva galega capitaneada polo secretario xeral Gonzalo Caballero.

O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (d), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, en Xardín do Posío, Ourense
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez (d), durante un mitin xunto ao candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, en Xardín do Posío, Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

E é que, segundo as normas do Partido Socialista, unha vez que teña lugar o encontro estatal, celébranse en fervenza os congresos territoriais, de forma que en Galicia a primeira cita sería a autonómica e, tras ela, deben celebrarse os provinciais.

O actual secretario xeral do PSdeG aínda non desvelou se optará a revalidar o seu cargo á fronte das filas do partido en Galicia. No caso de presentarse someterase ao exame da formación un ano despois da celebración das eleccións autonómicas galegas nas que os socialistas foron terceira forza con 14 escanos --mesma representación que a obtida por Xaquín Fernández Leiceaga catro anos antes--.

Precisamente, a Comisión Executiva Federal do PSOE decidiu este luns, na súa primeira reunión deste ano, que o seu 40º Congreso Federal se fixe na segunda quincena de outubro, catro anos e catro meses despois do 39º Congreso no que o agora presidente do Goberno, Pedro Sánchez, recuperou o liderado do partido tras vencer nas primarias á presidenta andaluza, Susana Díaz.

O obxectivo de levar a outubro o congreso é que este poida ser "maioritariamente presencial", segundo explicou a dirección do PSOE tras a reunión telemática que mantiveron, e que non estivo presidida por Sánchez senón pola vicesecretaria xeral do PSOE e portavoz no Congreso, Adriana Lastra. Con estes prazos, o calendario precongresual iniciaríase a primeiros de setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Seguiremos baixo Estado de Alarma ata Outubro ? Gonzalito debe ter coidado con Carmela Silva por aquelo do Xénero xa sabemos todos que é unha Gran Feminista de Salón ! O que preocupa realmente en Vigo é que con congreso ou sen el teremos que aturar un alcalde VITALICIO (73 anos e subindo...)