GC Aberto

Carta ao Concello de Vigo. Xestión do Arboredo Urbano

Por admin | GC ABERTO | 12/01/2021

Comparte esta noticia

A través desta carta quero expresar o meu descontento absoluto, e o de moitos cidadáns, coa maneira en que se está xestionando o arboredo urbano de Vigo.

Árbores taladas en Vigo
Árbores taladas en Vigo | Fonte: remitida

Foron numerosas as tallas de arboredo urbano que se. levaron a cabo na cidade durante os últimos anos e a maioría non foron xustificadas ante os cidadáns, sendo conscientes destes feitos cando xa se produciron. Esta situación xera indignación e descontento entre a poboación.

Por mor destas situacións comeza a xeneralizarse o termo "arboricidios" en Vigo (podas indiscriminadas e tallas inxustificadas), dando prioridade a proxectos (urbanísticos ou do Nadal) nos que as árbores son simplemente vítimas e non protagonistas. A un gran sector da cidadanía xéranos un enorme rexeitamento que se maltrate de tal maneira un patrimonio urbano tan valioso na que se coñece como "Cidade Olívica", e que foi denominada polo noso alcalde a "Cidade das Árbores".

Unha "Cidade das Árbores" que tan só conta con 12.000 árbores no centro urbano. Esta cantidade resulta escasa se a comparamos coa doutras cidades españolas de similar extensión. Casos como o de Xixón con 31.700 árbores urbanas, Pamplona con 140.000, Córdoba con 87.000, Logroño con 45.000, León con 28.000 ou Bilbao con 35.000.

É triste pensar que Galicia é verde, pero as súas cidades non.

A protección do arboredo urbano debería ser básica no plan dunha cidade. Poucas son as cidades a nivel europeo que teñen unha lei exclusiva e ben aplicada en canto á protección das árbores urbanas. Non fai falta ir demasiado lonxe para ter un dos exemplos referentes neste ámbito de protección, como é o que ocorre na cidade de Madrid: o 55% das súas rúas están arboradas e conta con 1'8 millóns de árbores urbanas, colocándose entre unha das cidades con máis arboredo urbano do mundo, valéndose dunha lei exclusiva para a protección e fomento do arboredo urbano (Lei 8/2005 de 26 de decembro).

Do mesmo xeito que sucede en Madrid, en Vigo pódese asegurar o patrimonio arbóreo no presente e utilizalo como un gran aliado para mellorar a sustentabilidade da cidade no futuro. Esta protección consegue dar un carácter único á cidade e proporciona beneficios económicos, sociais e ambientais, difíciles e mesmo imposibles de conseguir con outros métodos.

Espero con esta carta, ademais de expresar o descontento ante esta situación, transmitir o ánimo e a vontade de mellorar, traballando para dar solución a esta problemática, e entre todos facer unha cidade mellor, exemplar e da que sentirnos totalmente orgullosos.

Lucía Torréns Chamosa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 BeneB

Concordo totalmente. E engadiría que a situación é aínda pior se a comparas con cidades europeas (mellor nin falar do Xapón), onde se aprecia o gosto e coidado polo natural e pola BELEZA. O desprezo amosado en Vigo polo bo gusto é incríbel. E vai piorando paso a paso. ¡Veña lousa e cemento! ¡abaixo a calidade de vida!. Por certo, os humanos, en xeral, no mundo enteiro, prefiren xardíns e natureza, antes de lousa.

1 Gamela

O malo é que en Vigo temos un alcalde que leva 13 anos "humanizando" tódalas beirarúas e para estas obras as árbores MOLESTAN e a longo prazo medran e levantan o novo pavimento de granito (caro de raio) Por iso o alcalde mira con bos ollos a tala indiscriminada para sustituir as árbores de gran porte por cativas plantacións urbanas que son moito máis sinxelas de manter... A podas anuais xa son historia, e cando as árbores medran por riba dos segundos pisos a poda é bestial e co tempo rematan todos medio mortos... Non é casualidade é un comportamento miserento para facer lucir as obras dun caudillo local que non o esquezamos levanta a maioría absoluta máis abultada de Galicia ! 20 concelleiros sobre un total de 27 sillóns ! Cartas aos reis magos... e por riba a prensa local nunca publica protesta algunha...