Acusan a Navantia de querer deixar aos traballadores "sen comité de empresa"

Empregados da UTE Tecman-Rayma denuncian o fraccionamento de contratos de mantementoo nas dúas instalacións, Ferrol e Fene.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

Traballadores da Unión Temporal de Empresas (UTE) Tecman-Rayma concentráronse este martes ante a entrada principal de Navantia Ferrol para denunciar a actitude da dirección da empresa naval pública, á que acusan de fraccionar o contrato de mantemento deste estaleiro e o situado en Fene para "que os traballadores queden sen comité de empresa".

Así o asegurou o portavoz de CIG-Industria Serxio Martínez, quen sinala que, segundo o prego publicado por Navantia o pasado 26 de novembro, "teñen que ser como mínimo cinco as empresas que se encargarán deste contrato, co que os 56 traballadores con dereito a subrogación quedarán sen comité de empresa, un castigo por caracterizarse por ser moi combativo á hora de defender os dereitos dos traballadores".

Martínez detallou que esta licitación "prohibe ás empresas interesadas acceder a máis de dous lotes, tras dividir todo o contrato de mantemento en varios lotes, que obriga a que a persoal se teña que dividir, unha acción que realiza Navantia sen ningún tipo de xustificación e que vai supor uns maiores custos".

AO CONTRARIO QUE NOS ESTALEIROS DO SUR

O sindicato maioritario neste persoal estima que esta decisión foi para "ir en contra destes traballadores, por ser reivindicativos". "No seu momento tentaron facer despedimentos, pero tiveron que dar marcha atrás polas súas mobilizacións", sinala.

A CIG incide en que esta situación vai supor "unha menor representación sindical e mesmo hai dous lotes que son dun ou dous traballadores, onde quedan desamparados", unha situación que segundo Martínez "choca co que fai a propia Navantia noutros centros do Estado, concretamente na Baía de Cádiz, onde unha única UTE atende ao tres estaleiros".

Por último, trasladou que "se presentaron a este concurso máis de vinte empresas" e que "mesmo" houbo unha reunión co comité de empresa de Navantia Ferrol na que o seu obxectivo é "que este prego se retire e se faga unha nova licitación, unha situación á que se comprometeron os compañeiros da empresa principal".

Acusan a Navantia de fraccionar contratos
Acusan a Navantia de fraccionar contratos | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta