Convocan axudas para universitarios que non podan manter os seus estudos pola Covid

Esta convocatoria conta cun montante global de 500.000 euros, que poderían ser ampliables en función da dispoñibilidade orzamentaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2021 | Actualizada ás 20:22

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publicou este martes a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado do sistema universitario de Galicia que presente dificultades económicas para continuar estudos, debido a causas sobrevindas e imprevistas ou por unha situación derivada da COVID-19. Segundo o texto da orde, a situación económica actual vén determinada pola crise sanitaria que está a afectar con máis virulencia ás familias con menos recursos económicos.

Por ese motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade considera "prioritario" atender, ao amparo desta orde de carácter especial, as situacións excepcionais xurdidas pola COVID-19, ademais de seguir apoiando ao alumnado que ten unha urxente necesidade de recursos económicos motivado por causas sobrevindas e imprevistas.

Esta convocatoria conta cun montante global de 500.000 euros, que poderían ser ampliables en función da dispoñibilidade orzamentaria, e as contías das bolsas oscilarán dos 1.500 aos 2.750 euros en función da renda per cápita do interesado.

Entre as causas recoñecidas, atópase a necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevinda e imprevista ocorrida no actual curso académico (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, entre outras).

Doutra banda, recoñécense supostos como consecuencia da COVID-19, entre eles, que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estea en situación de desemprego, en expediente temporal de regulación de emprego (ERTE) ou en calquera outra que supoña unha diminución económica ou laboral como consecuencia directa da pandemia.

O DOG tamén publicou a resolución da convocatoria de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea, no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinos artísticos superiores en centros públicos de Galicia no curso 2019/20.

Estudantes de bacharelato no IES Vilar Ponche. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato no IES Vilar Ponche. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta