A rebelión das educadoras sociais contra a Xunta: "para a Consellería de Sanidade somos invisibles"

Denuncian que non foron tidos en conta á hora de elaborar o Plan de Saúde Mental pos-covid-19.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Nova fronte aberta entre a Xunta e o colectivo sociosanitario. Logo de meses de protestas no seo da atención primaria e hospitalaria, o foco semella estar posto nos profesionais da saúde mental e que contribúen ao coidado da mesma. O Colexio de Educadoras Sociais de Galicia vén de se mobilizar "unha vez máis" contra unha "falta de consideración" por parte das autoridades competentes que ven patente no derradeiro Plan de Saúde Mental elaborado pola Consellería de Sanidade.

Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Xunta de Galicia
Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Xunta de Galicia

A crítica dos educadores sociais é que o plan, elaborado de forma colaborativa por representantes de diversos sectores, non tivo en conta a súa perspectiva. Alfonso Tembrá, do CEESG, critica neste aspecto que a "invisibilización" da Xunta de Galicia se dea meses despois de que el e os seus compañeiros tiveran que seguir traballando na situación pandémica ao ser considerados como profesionais dunha actividade esencial.

Con todo, e segundo destaca Tembrá, esta "falta de consideración" a man de Sanidade non é senón o último capítulo dunha dinámica que está presente "dende sempre", nas súas propias palabras. Por iso critican que neste Plan de Saúde Mental, o primeiro en moitos anos pola "precarización" do sector --de acordo co Ceesg--, se volva a dar unha situación de "inxustiza" que non ven xustificada.

"Observamos como, unha vez máis, a contribución das e dos profesionais da Educación Social segue sen ser tida en consideración", explican, "a pesar de estar presente en diferentes programas, recursos, equipamentos e institucións deste ámbito, a pesar de ser traballadoras esenciais antes, durante e despois da pandemia e a pesar de ser profesionais de referencia para moitas persoas usuarias e familias destes recursos de atención".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta