Pontón: "O intento de Feijóo de culpabilizar a cidadanía é indigno"

A portavoz do BNG esixe que o mesmo DOG coas medidas para frear os contaXios recolla axudas aos sectores afectados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2021 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que sexa "claro e contundente" na adopción de medidas e que o mesmo Diario Oficial de Galicia (DOG) que recolle as restricións para frear os contaxios da covid inclúa tamén axudas directas aos sectores máis afectados.

"A situación non é culpa dunha cidadanía que maioritariamente está a cumprir coas normas e, por iso, o intento de Feijóo de responsabilizala é indigno, máxime vindo de alguén que se fixou como obxectivo salvar o Nadal", manifestou Pontón na xornada na que o presidente anunciou o incremento das restricións, unhas medidas que inclúen o peche da hostalaría ás 18,00 horas en toda Galicia.

Pontón criticou que agora Feijóo se "despache" pedindo á xente que "non traslade os bares aos seus domicilios". "Realmente pensa que esta é a preocupación dos galegos e as galegas no medio da pandemia?", preguntou. A líder do Bloque instou ao presidente da Xunta a "deixar de rifar á xente" e "asumir as súas responsabilidades". "O resto é incompetencia na toma de decisións e covardía á hora de asumilas", subliñou.

OUTRAS CRÍTICAS ÁS DECLARACIÓNS DE FEIJÓO

Por outra banda, noutro comunicado remitido aos medios, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública censurou que o máximo mandatario autonómico pretenda "culpar" do empeoramento da pandemia á poboación que celebrou o Nadal cando "el mesmo autorizou as reunións de dez persoas e permitiu a mobilidade".

A asociación denunciou que a Xunta recortou o persoal da Atención Primaria, reduciu o seu orzamento e suprimiu "centos de camas nos hospitais públicos". "Pechou centros de saúde, eliminou consultas de pediatría mantivo os servizos da saúde pública na práctica indigencia", criticou a entidade, que acusa tamén á Xunta de "deixar morrer" a "centos de maiores nas residencias".

"Para disimular a súa responsabilidade pretende agora incrementar as restricións pero non fala do esforzo a realizar para vacinar a poboación, que ao ritmo actual pode tardar anos", sinala. Por todo iso, consideran as declaciones do presidente "inaceptables" e "ofensivas" para a poboación. "Esiximos unha rectificación e o inicio dun proceso de reconstrución do sistema sanitario público", reclama.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Frecha

O que é indigno é que leves 17 anos sendo deputada e cobrando todo o que cobras do peto de todos.