Radiografía do pequeno comercio: Que futuro lle espera despois da COVID?

A situación dos pequenos comercios xa non era óptima antes da pandemia. As vendas online e as grandes superficies déronlle un golpe moi forte a este sector. O aumento dos prezos de aluguer son unha carga impositiva que nestes momentos está obrigando ao peche de moitas pequenas tendas, ao mellor con só un ou dos anos de vida.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 31/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O confinamento devolveu por uns momentos ás persoas ao comercio de barrio segundo algúns propietarios e representantes do sector. Non obstante, cando comezou a desescalada do confinamento de marzo de 2020, as persoas volveron ás grandes superficies e a usar a venda online por comodidade. Por outra parte, mesmo antes da pandemia, este sector empresarial estaba levando como podía os elevados custes de aluguer segundo que zonas das cidades. E agora que? Que sucederá con estes negocios durante e despois da pandemia?

Tenda, comercio. EUROPA PRESS - Arquivo
Tenda, comercio. EUROPA PRESS - Arquivo

SITUACIÓN DAS PEQUENAS TENDAS

Sandra Ferro é a presidenta de Comercio Vivo que representa parte do pequeno comercio na cidade de Ourense. Anos despois do nacemento desta experiencia Ferro di que “agora mesmo a unidade entre nós é máis forte despois de termos realizado experiencias para mellorar o sector”. Porque como noutras cidades, as pequenas tendas non tiñan creado tecido asociativo que defendese os seus intereses.

“O comercio de barrio é o que fai cidade, crea veciñanza, crea emprego e riqueza, por tanto, dalle vida á cidade, sobre todo en cascos históricos” sinala José Manuel Bello, presidente de Compostela Monumental, asociación con vinte anos de experiencia. A perda desa veciñanza e doutros factores aceleraron cando se abriron as grandes superficies e a venda online, di José Manuel Bello.

Diante da situación actual de pandemia, Sandra Ferro asegura que quen máis sofre as restricións “é o comercio non imprescindible, aínda que en Nadal aumentou a venda de roupa de inverno”. Outro elemento que consideran disruptivo é a “inconsistencia” das medidas anti-COVID. “Hai moitos cambios e iso afecta ao ritmo de vendas, á hostalaría sobre todo”. Ferro recorre ao exemplo da hostalaría porque “se ti vas ao centro mercar nunha tenda, tamén podes parar no bar que está cerca, mais agora pechando ás 18:00 non fan caixa”.

“O 95% do comercio en cascos históricos e pequeno comercio en xeral está pechado” di José Manuel Bello. Durante o confinamento total “aí foi cando a xente lembrou que tiña tendas ao pé da casa” sinala o presidente de Compostela Monumental. “Logo, cando acabou o confinamento as cousas volveron ao punto anterior”.

OS CABALOS DE BATALLA

O reto máis importante para este sector foi a apertura ás novas tecnoloxías. Cando comezaron a aparecer as tendas online, Ferro sinala que das tendas tradicionais “as que aguantaban eran aquelas que estaban nas redes sociais, renovando o catálogo a cada pouco e iso permitíalles ir tirando”. A presidenta de Comercio Vivo sinala sobre todo que “coa COVID, aqueles negocios que non pensaban en Internet agora apuran a ter contas nas redes sociais”.

“O curioso é que nas tendas non mercan, van ás online, mais a nós déixannos cos CV” di José Manuel Bello con humor. Tanto a asociación ourensá como a santiaguesa realizan campañas para animar a mercar en establecementos de barrio. “Xa levamos sorteados 20 anos de campañas e isto fai que a xente confíe en nós, ademais, cos cursos de emprego que facemos, un 70% das persoas que formamos acaban contratadas”.


Alén de todo isto, o grande problema para o sector actualmente son os prezos do aluguer de locais. “Son moi altos, con locais de 60 metros cadrados a 1.000 euros  por mes, logo hainos de 2.000 ou 3.000 e os prezos non baixans” sinala Sandra Ferro. “Creo que hai unha concentración de locais nunhas poucas mans, por iso esas persoas quizais non estean interesadas nin sequera en alugar”.

Hai unha filosofía dos propietarios de locais que é “se non ves ti virá outro”” di José Manuel Bello. “Realmente sería necesario que houbese un cambio lexislativo que permitise ir aos alugueres parellos ás vendas”. Detrás desta petición está que para moitos empresarios agora mesmo xa non é posible manter aberto o negocio “pagando 3.000 euros a fin de mes”.

Que alternativas quedan e sobre todo, cal é ou son as solucións para a actual crise? “Se hai un plan de intervención ten que ser no período 2021 a 2027 cunha base orzamentaria seria” remarca José Manuel Bello. “Nun ano o sector non se recupera e ademais, hai moita xente endebedada que dentro dun ano ou dous terá que devolver empréstitos”. A dedución é que en dous anos como moito, sen unha intervención decidida, a crise en todo o sector afrontará peches en cadea e a perda de postos de traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta