O Sindicato Labrego Galego: "Só se preocupan pola capital e descoidan aos cidadáns da periferia"

O sindicato pide que Galicia sexa declarada zona catastrófica en caso de que Madrid acade ese privilexio polas últimas nevaradas.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Sindicato Labrego Galego (SLG) esixe que, se Madrid é declarada zona catastrófica, todos os territorios do Estado que sufriron danos polas nevadas e as xeadas da última semana, como Galicia, tamén acaden dita categoría.

Neve, nevadas, estradas nevadas, temporal, frío,. GARDA CIVIL - Arquivo
Neve, nevadas, estradas nevadas, temporal, frío,. GARDA CIVIL - Arquivo

Dende o sindicato critican que o Goberno central está "afeito a mirarse o embigo", xa que, segundo eles, preocúpanse do que pasa na capital e descoidan aos cidadáns das periferias. En concreto, tras as nevadas e xeadas desta semana, o Goberno central baralla a posibilidade de declarar Madrid como zona catastrófica, pero non ás demais comunidades afectadas polo mesmo motivo.

"Semella que é só Madrid a grande damnificada porque neve en inverno, e o gran debate de Estado que temos agora é decidir se declaramos a capital do Reino de España como zona catastrófica ou non, coma se todos os males habidos e por haber se tivesen concentrado nese punto concreto da meseta castelá", satiriza o sindicato.

"NA GALIZA IGNÓRASENOS"

Por outra banda, recordan que no inverno de 2017 houbo unhas xeadas e sarabiadas que arrasaron colleitas enteiras -especialmente no sector vitícola- en Galicia e, ante as peticións de axudas, a ex-conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, declarou: "se me preguntades por axudas directas, creo que son moi clara. Díxeno desde o primeiro día, aquilo que é asegurable non é subvencionable". 

Isabel Vilalba, Concho Docampo e Sonia Vidal, do Sindicato Labrego Galego. SINDICATO LABREGO GALEGO
Isabel Vilalba, Concho Docampo e Sonia Vidal, do Sindicato Labrego Galego. SINDICATO LABREGO GALEGO

O Sindicato Labrego Galego denuncia que, tal como asegurou a conselleria, "as familias damnificadas non recibiron nin un céntimo". Por isto, sosteñen que "na Galiza levamos toda a vida vendo como se nos ignora cando nos afectan desastres naturais como grandes nevaradas, xeadas a destempo no agro, sarabiadas nos períodos máis sensibles das colleitas ou asolagamentos xusto cando un sementa".

"AS ARCAS DO ESTADO DEBEN AFRONTAR OS GASTOS"

Con todo, o SLG demanda, ademais, que se ao final se declarase Madrid como zona catastrófica, a partir dese momento en diante se declare todo aquel territorio do Estado que sufra danos a causa de inclemencias meteorolóxicas como zona catastrófica e que "as arcas do Estado afronten a fondo perdido todos os gastos necesarios para subsanar os danos causados e restablecer a normalidade".

"O contrario sería unha flagrante discriminación territorial que, dende o Sindicato Labrego Galego, non estamos dispostos nin dispostas a tolerar", sentencian dende o sindicato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta