Traballadores interinos saen á rúa contra o "abuso laboral" das administracións

Denuncian que se traballe durante máis de tres anos sen que se convoquen as oposicións para as prazas que ocupan

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/01/2021 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Unha trintena de interinos concentráronse ante a Delegación do Goberno na Coruña para esixir frear o "abuso laboral" das administracións e reclamar estabilidade laboral. "A lei establece que despois de tres anos se teñen que convocar as prazas, pero hai persoas traballando 10, 15 ou 20 anos sen que se convoquen", reprocha un dos afectados, Marco Rivas.

Os traballadores, que portaban globos amarelos, denuncian que non teñen opción de "estabilizar" o seu posto e calculan que o 10% do Concello da Coruña e do resto de administracións na cidade están nesta situación. En todo o Estado, apuntan, os interinos son 800.000 e hai institucións que alcanzan o 40% deste tipo de empregados.

Segundo explica Rivas, existe unha directiva europea desde 2001 que obriga a facer fixos aos empregados tras tres anos de traballo, pero só se traspuxo, di, no ámbito privado. "Parece o normal, pero na administración os interinos non temos esa posibilidade", censura, asegurando que a situación se rexistra en todos os sectores e institucións.

Non só existe normativa, engaden os interinos, senón que hai un fallo europeo que tamén "recoñece o abuso" e obriga a realizar "procesos ordenados e restrinxidos". En cambio, denuncian, "en España fanse oposicións de libre acceso, sen aplicar a sentenza".

CUMPRIMENTO

"Reclamamos estabilidade laboral; non porque creamos que estamos por encima da lei, senón porque o ordenamento xurídico europeo nos recoñece esa estabilidade", defende Rivas, que critica que os tribunais e administracións estatais "non están a dar cumprimento á normativa europea".

As concentracións de interinos están convocadas en todo o Estado e desde A Coruña aseguran que seguirán convocándoas porque, din, "estamos a xogarnos o noso traballo e os nosos dereitos". "Temos a sensación de que somos traballadores de segunda", lamentan, apuntando a que poden ser despedidos "en calquera momento e sen dereito a indemnización" e tampouco poden "facer carreira profesional".

Interinos protestando diante do TSXG
Interinos protestando diante do TSXG | Fonte: Plategal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta