(Gráfica) Os centros de Galicia marcan un novo récord de contaxios tras só 4 días de aulas

O pasado mércores rexistráronse 1.331 casos activos, por riba do máximo histórico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Pouco durou a “seguridade” preconizada pola Consellería de Educación a respecto das aulas galegas. Menos dunha semana despois de que as aulas foran retomadas tralas vacacións de Nadal, o Sergas vén de informar do maior número de casos activos rexistrados nos colexios e institutos galegos en toda a pandemia: 1.331.

Foron rexistrados 1.331 casos
Foron rexistrados 1.331 casos | Fonte: Arquivo

Galicia retomou a actividade lectiva o pasado venres nun contexto de preocupación polo aumento dos contaxios que, xa entón, comezaba a agromar como consecuencia das reunións familiares sostidas nas datas máis sinaladas das vacacións. Unhas semanas antes, o sindicato ANPE solicitara á Consellería dirixida por Román Rodríguez un adiamento da data de regreso ás aulas á fin de poder rexistrar o maior número de positivos antes de retornar á actividade lectiva.

A Xunta, porén, declinou, e decretou que a segunda avaliación dera comeza no día 9 de xaneiro; incidindo unha vez máis en que as aulas eran “seguras”. Tan só fixeron falta 4 días lectivos para que as aulas galegas pulverizaran o récord de contaxios de toda a pandemia, pasando de 1.033 --no propio día 9-- aos xa mencionados 1.331 deste mércores 13.

A antiga marca situábase en 1.302 positivos e databa do 7 de novembro, coincidente coa semana de maior incidencia da covid ata o momento. Con todo, non é posible descartar que se deran xa casos de cifras superiores, xa que, a diferenza dos casos activos, o Sergas non informa diariamente do reconto de casos en colexios e institutos; como se pode comprobar no gráfico a continuación disposto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta