O PP blinda a Feijóo sinalando que é "materialmente imposible" que compareza nun pleno sobre a COVID

A petición para a comparecencia do presidente da Xunta foi presentada polo BNG para que dese explicacións sobre a "grave situación sanitaria".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

A petición do Bloque Nacionalista Galego para que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza nun pleno extraordinario para informar as medidas para facer fronte á covid-19 e da campaña de vacinación foi rexeitada polo PPdeG, que lembrou que este venres arrinca o período hábil no Parlamento de Galicia.

A solicitude foi defendida na Deputación Permanente --órgano reitor da Cámara nos períodos non hábiles-- polo deputado nacionalista Manuel Lourenzo, quen considerou necesario que a Cámara funcione nun contexto de "grave situación sanitaria" provocada pola terceira onda da covid-19.

Neste sentido, o parlamentario nacionalista lembrou que o primeiro pleno do ano aínda terá lugar o día 26 de xaneiro, polo que urxiu que o presidente da Xunta acuda xa ao Pazo do Hórreo para informar os galegos da situación, das medidas e do plan de vacinación.

"Ninguén entende que todos estes debates se poidan realizar noutros lugares distintos ao Parlamento e que Feijóo non sexa capaz de dar explicacións no sanitario e económico, porque estamos nunha situación preocupante", manifestou o deputado do Bloque, que reivindicou un "parlamento activo, implicado" e no que haxa capacidade para "chegar a acordos".

APOIO DO PSDEG

A petición contou co apoio do Partido Socialista de Galicia, cuxo portavoz parlamentario e secretario xeral, Gonzalo Caballero, asegurou que "ninguén vai entender" que o presidente que di que hai que facer "un esforzo titánico" non acuda a explicar en sede parlamentaria a situación.

E é que Gonzalo Caballero criticou que cando "as cousas van ben" Feijóo "rapidamente" se  poña "as medallas" mentres que "cando van mal" a responsabilidade é "do Goberno de Madrid" e da cidadanía. "Pónganse a colaborar e traballemos xuntos para sacar adiante a situación", manifestou en referencia á bancada popular.

CONVOCATORIA "MATERIALMENTE IMPOSIBLE"

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sostivo que "calquera que coñeza" o regulamento da Cámara sabe que é "materialmente imposible" celebrar o pleno extraordinario que demanda o BNG posto que a Deputación Permanente --órgano reitor durante os períodos nos que o Parlamento non estea reunido-- non o pode convocar durante o período hábil.

Por iso, considerou que a petición do Bloque de celebrar este debate non busca materializar unha "convocatoria imposible" senón "falar doutras cousas". Ademais, afeou que a portavoz do BNG, Ana Pontón, non acudise ao debate que a súa propia formación solicitou mentres si compareceu ante os medios de comunicación no propio Pazo do Hórreo para "aventurar o colapso do sistema sanitario".

Reunión da Deputación Permanente da Cámara galega
Reunión da Deputación Permanente da Cámara galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta