Galicia creará o rexistro de familias monoparentais dez anos despois da lei que lles deu protección especial

A lei de demografía actualiza o concepto deste tipo de familia que se definiu na normativa aprobada no primeiro mandato de Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Galicia creará este ano o Rexistro de Familias Monoparentais Galegas, dez anos despois da aprobación da lei 3/2011, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, nas que se incluíron no grupo de familias con especial consideración e protección e que foi aprobada na primeira lexislatura que presidiu Alberto Núñez Feijóo.

Nai e bebé
Nai e bebé | Fonte: ISTOCK - Arquivo.

Concretamente, e a través das modificacións que se introducen na futura lei de impulso demográfico, a Xunta terá un prazo de seis meses para activar esta ferramenta, que virá acompañada dun plan de apoio para estas familias, unha vez que quede publicada nos diarios oficiais.

E é que a lei de impulso demográfico está practicamente lista para a súa aprobación na Cámara galega. Hai agora un ano entrou por primeira vez o proxecto lexislativo no Parlamento, pero a confluencia da disolución do hemiciclo pola convocatoria de eleccións coa pandemia --que obrigou a postergar os comicios--, levou a que esta normativa tivese que volver iniciar a súa tramitación.

De feito, na lexislatura pasada nin sequera chegou a debaterse no hemiciclo. Nesta ocasión, no pleno de debate de totalidade das emendas de devolución, a titular de Política Social, Fabiola García, tivo ocasión de defender o texto e apelar aos grupos da oposición para lograr que fose unha lei de país, con chamadas á "unanimidade".

Os cambios tamén servirán para modificar a definición de familias monoparentais, de forma que se adapta á "realidade" actual fronte á que había en 2011.

Desta maneira, enténdese por familias monoparentais aquelas en que homes ou mulleres afrontan a paternidade ou maternidade en solitario ou aquelas formadas por un só cónxuxe viúvo e os fillos. Tamén nos casos nos que non haxa custodia compartida e os fillos queden a cargo da nai ou pai.

As modificacións desta lei son máis amplas e tamén, a través da lei de impulso demográfico, amplíanse os tipos de familias considerados de especial protección.

Así, a lei de familia, a partir de agora, tamén estende esta consideración especial ás familias de "especial vulnerabilidade económica" e as familias "vítimas de violencia de xénero".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta