Galicia, en máximos de Covid: suma outros 1.000 contaxios e rolda os 600 ingresos

Os casos activos son xa case o dobre dos que había o 1 de xaneiro e os ingresados aumentaron un 40% desde entón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2021 | Actualizada ás 11:37

Comparte esta noticia

Galicia detectou outros 1.000 novos casos de coronavirus nas últimas 24 horas, período no que a situación nos hospitais galegos empeorou substancialmente respecto da xornada previa ao sumar outros 50 hospitalizados e oito pacientes máis en UCI, co que a cifra global de ingresados con covid-19 queda ao bordo dos 600, 90 deles en UCI.

Así se desprende da actualización das cifras da pandemia publicada na mañá deste venres na páxina web do Sergas con datos recollidos ata as 18,00 horas do venres. Nese momento os casos activos en Galicia ascendían a 10.864, 649 máis que o día anterior e case o dobre dos que había hai dúas semanas no arranque do ano 2021.

E é que os positivos diagnosticados por proba PCR volveron subir do milleiro. Os 1.013 casos detectados en 24 horas supoñen a segunda cifra máis alta da pandemia, só superados polos 1.025 positivos notificados o xoves 14 de xaneiro, aínda que nesa xornada realizáronse 558 probas PCR máis que as levadas a cabo nas últimas 24 horas.

Deste xeito, a presión sobre os hospitais galegos mantén a súa tendencia á alza ao sumarse outros 50 pacientes covid-19 ingresados, oito deles na UCI, respecto ao día anterior. Isto deixa un cómputo de 595 persoas hospitalizadas con coronavirus, das cales 90 necesitan coidados intensivos.

Se se toma como referencia o arranque do novo ano hai xusto dúas semanas, o incremento de pacientes Covid-19 que terminan no hospital é do 40% tanto en unidades convencionais como en UCI. E é que o 1 de xaneiro había 345 hospitalizados polos 595 que hai dúas semanas despois, mentres que a UCI acollen a 90 persoas polas 35 do 1 de xaneiro.

Este venres todas as áreas sanitarias empeoran os seus datos respecto ao xoves con incrementos xeneralizados que chegan aos dous díxitos nas áreas de Ourense e A Coruña-Cee. O crecemento acelerouse desde o luns, día no que había 127 pacientes ingresados menos dos que hai este venres, no que, ademais, hai 19 persoas máis en UCI que Hai catro días.

O distrito coruñés mantense un día máis como a área con máis ingresados con covid-19 e suma outros 14 máis que elevan a 164 os pacientes hospitalizados, 26 en críticos (-1). Santiago-Barbanza supera de novo o limiar do centenar de ingresados con 104 (+4), 10 deles en UCI (+2).

En Vigo prodúcese un incremento de 8 pacientes ingresados respecto ao día anterior, o que eleva o total a 78, dos cales 22 precisan coidados intensivos (sen cambios). Despois de ser o único distrito no que non subiran os hospitalizados na xornada do xoves, repuntan os ingresados en Ferrol ata os 86 (+7), 9 na UCI (+3).

Pola súa banda, en Pontevedra hai agora 63 hospitalizados na área (+10), 11 en críticos (+2); mentres que Ourense tamén experimenta unha subida de dous díxitos que sitúa o cómputo de ingresados en 63 (+10), dos que 9 (+2) precisan coidados intensivos. Por último, a área de Lugo suma un novo paciente ingresado: hai agora 35 (+1) con 3 na UCI (sen cambios).

SEGUNDO DÍA CON MÁIS POSITIVOS

As cifras de contaxios detectados ofrecidas este venres por Sanidade supoñen o segundo día con máis positivos desde o inicio da pandemia e tamén a segunda ocasión na que se supera o limiar do milleiro de casos diagnosticados. Con todo, os 1.013 positivos quedan por baixo dos 1.025 do día anterior despois de realizarse 558 probas PCR menos. En total, levaron a cabo 10.194 test (1.112.020 desde o inicio da pandemia en Galicia), dos que un 11,3% foron resultados positivos.

Con estas cifras, Galicia volve estar en máximos en canto a taxa de positividade (Sanidade adoita reaxustar esta porcentaxe con posterioridade) e en valores similares aos rexistrados nas primeiras semanas de abril, en plena primeira onda da crise sanitaria. Deste xeito, a taxa de positividade dobra o limiar do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia, unha porcentaxe do que a media galega non baixa desde o 24 de decembro.

Este venres todas as áreas sanitarias superan con fartura esa taxa de positividade cun pico do 30,5% en Ferrol e dobres díxitos na Coruña (13,9%), Santiago (10,3%) e Pontevedra (15,3%). Só Ourense cun 7,3% de probas PCR positivas achégase a ese limiar do 5%.

Dos novos positivos, A Coruña é o distrito sanitario que máis casos achega con 251 (-5), seguida por Vigo con 181 (+33) e Santiago con 163 (+34). Esta última presenta cifras similares ás de Ourense, que reportou 160 novos casos (+35). E é que só Lugo experimenta unha caída no número de positivos rexistrados ao baixar a 75 (-22). Pola súa banda, Ferrol case dobra as cifras do día previo ao detectar 108 casos (+47); mentres que Pontevedra diagnosticou ao mesmo número de persoas que na xornada anterior: 75.

CASOS ACTIVOS

En canto ao número de casos activos --persoas con diagnóstico covid-19--, Galicia volve experimentar un novo incremento por encima do medio milleiro que deixa o cómputo total en 10.864, case o dobre dos que había o 1 de xaneiro. Hai 649 pacientes con coronavirus activo máis dos que había fai 24 horas tras producirse aumentos en todas as áreas sanitarias, en tres delas por encima da centena. É o caso da Coruña, que suma un total de 2.635 (+171), Vigo, con 1.994 (+101) e Ourense, con 1.459 (+111).

Santiago, terceiro distrito sanitario con máis casos activos, pasa os 2.000 tras sumar outros 98 que deixan o cómputo en 2.081. Lugo e Pontevedra achéganse ao milleiro con 992 (+47) e 907 (+40), respectivamente; e en Ferrol aumentan ata os 796 (+86).

ALTAS, CASOS E FALECIDOS

Así as cousas, desde o principio da pandemia, en Galicia rexistráronse 73.667 casos, dos que 61.326 se curaron, 511 nas últimas 24 horas. Así mesmo, a crise sanitaria deixa ata o momento 1.485 falecidos, despois do últimas cinco vítimas mortais notificadas polas autoridades na noite do xoves --una delas relacionadas con residencias de anciáns--.

Xente facendo deporte en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press
Xente facendo deporte en Ourense. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta