O Concello de Pontevedra aproba o seu orzamento para 2021, que ascende a 80,7 millóns de euros

Os votos dos socios de goberno, BNG e PSOE, bastaron para sacar adiante as contas no pleno municipal.

Por E.P. | Pontevedra | 15/01/2021 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra aprobou este venres nun pleno extraordinario o orzamento municipal para 2021, que ascende a 80,7 millóns de euros. Os votos dos edís do grupo de goberno, composto por BNG e PSOE, bastaron para sacar adiante unhas contas ás que se opuxeron o PP e o edil non adscrito, Goyo Revenga, que participou no pleno de maneira telemática e non quixo intervir no debate.

Exterior do concello de Pontevedra
Exterior do concello de Pontevedra | Fonte: Europa Press.

O concelleiro de Facenda, Raimundo González, defendeu as medidas "drásticas e contundentes" para recuperar a economía que están contempladas nestas contas municipais que enmarcou na situación "excepcional" cunha crise de "grandes dimensións" creada pola pandemia da covid-19.

O edil nacionalista asegurou que Concello porá "todos os seus recursos" a disposición dos programas de reactivación económica cunha inxección de liquidez para afrontar novos investimentos, ao entender que "é a única maneira posible de remontar a economía".

Ademais, lembrou que, coa incorporación dos remanentes na primavera, mobilizaranse este ano uns 100 millóns de euros. Fronte á reclamación dos populares de máis gasto social, Raimundo González criticou á oposición por non entender o orzamento, xa que "pide o 10% para gasto social e resulta que se achega o 25%".

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, acusou ao goberno municipal de estar "absolutamente afastado da realidade" e das necesidades dos pontevedreses, á vez que cualificou o orzamento como un "curta e pega do ano pasado con pequenas modificacións".

Domínguez dirixiu as súas críticas ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acusou de "non falar con ninguén, non se reúne con ninguén e escondeuse nun despacho todos estes meses".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta