Nieves Cabo, primeira galega en recibir a segunda dose: "Que non deixen de vacinar, é marabilloso"

Ela é residente do centro de maiores Porta do Camiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2021 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

As compostelá Nieves Cabo, de 82 anos de idade, volveu a converterse este domingo en pioneira da vacinación por ser a primeira en recibir a segunda dose de Pfizer-BioNTech en Galicia. Esta residente do centro de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, completou a inmunización contra o coronavirus --"o bicho", tal e como o chama-- ás 8,23 da mañá deste domingo, tras o cal desexou: "Que non deixen de vacinar, que é unha cousa marabillosa".

Nieves Cabo xa se converteu o pasado 27 de decembro na primeira persoa en Galicia en recibir a vacina contra a covid-19, un proceso que 21 días despois, este 17 de xaneiro, completou. "Que como estou? Ben, ben, ben. Non a sentín, nin sequera", confesou, tras a inoculación.

Neves Cabo, compostelá de 82 anos residente do centro Porta do Camiño de Santiago, recibe a segunda dose da vacina de Pfizer-BioNTech.. XUNTA
Neves Cabo, compostelá de 82 anos residente do centro Porta do Camiño de Santiago, recibe a segunda dose da vacina de Pfizer-BioNTech.. XUNTA | Fonte: Europa Press

O equipo do Servizo Galego de Saúde (Sergas) desprazouse á primeira hora da mañá deste domingo ata a residencia para arrincar con esta segunda fase que, ao longo das próximas semanas, prevé chegar aos xeriátricos de toda Galicia. Paralelo a iso, avanza a administración da primeira dose aos profesionais sanitarios. De acordo cos últimos datos dispoñibles, Galicia xa administrou case 50.000 unidades da vacina.

"Oxalá sexa boa", proclamou Nieves Cabo coa súa habitual desenvoltura, aínda que esta vez non houbo medios de comunicación presentes no interior do centro por mor das restricións derivadas da pandemia. No seu lugar, un equipo da Xunta recolleu as imaxes e as primeiras reaccións.

Tras a picada, a octoxenaria declarou atoparse "de marabilla" e dirixiuse a escépticos e negacionistas: "Diríalles que a poña todo o mundo". E é que, a pesar de non ter "medo a morrer", Nieves si confesou ter "medo a que veña este bicho --o virus-- que tanta xente matou". Despois de recibir esta segunda dose de Pfizer-BioNTech, pasadas as 8,00 da mañá, relatou que iría "almorzar".

"MOI AFORTUNADOS"

Na residencia pública Porta do Camiño volveron sentirse este domingo "moi afortunados" por poder completar xa a inmunización. A súa directora, Vanesa Castro, explicou que "despois de tanto tempo esperando pola vacina é un privilexio" que este centro fose o designado.

"Desde que nos deron as primeiras doses, desde o momento antes de sabelo e ata despois, a xente estivo moi contenta. Recibírono como un agasallo de Reis. A xente está a gozar o momento esperando que isto sexa para ben, que nos inmunice a todos e empezar a facer vida normal", proseguiu.

Vanesa Castro tamén quixo dirixirse aos escépticos e pedirlles que "se deixen aconsellar" polos expertos, que "para iso están": "Se hai unha vacina que levamos esperando moitísimo tempo, pois que menos que todo o mundo se vacine".

MESES "MOI DUROS"

Botando a vista atrás, explicou que os meses da pandemia "foron moi duros e son moi duros". Ademais, o centro Porta do Camiño converteuse nunha residencia integrada durante a primeira onda, de modo que centralizou a atención sanitaria a maiores doutros centros contaxiados de covid-19.

"Nós tivemos a excepción de que tivemos que saír de aquí para ir a un hotel. Iso complicou moitísimo as cousas", lembrou a directora, quen seguidamente relata o "medo" que pasaron os anciáns tanto polo traslado como por "non ter as súas cousas como as adoitan ter" na residencia, "na súa casa".

Iso si, Castro celebra que este xeriátrico "saíu airoso, porque non pasou nada". E, de feito, este centro segue sen contabilizar ningún caso de covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta