A terceira onda semella xa peor que a primeira: soben os pacientes covid e os casos superan o milleiro

A positividade das PCR baixa ao 9,5%, pero é case o dobre do que recomenda a OMS, e os casos activos volven bater a súa marca con 13.252

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 18/01/2021 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A incidencia da pandemia da covid-19 en Galicia continúa disparando a presión hospitalaria, despois de que nas últimas 24 horas se rexistraran 84 novos ingresos, ata alcanzar a cifra de 739 en total. De todos eles, 104 están en unidades de coidados intensivos (UCI), seis máis que un día atrás.

Ademais, de acordo cos datos actualizados na mañá deste luns na web da Consellería de Sanidade, os positivos por coronavirus detectados diariamente mantéñense por encima do milleiro, aínda que descenderon nuns 200. En concreto, Galicia sumou outros 1.025 contaxiados, 890 confirmados cunha PCR, nas últimas 24 horas.

No que respecta á presión hospitalaria, a área sanitaria da Coruña-Cee achégase aos 200 ingresados, con 194 en total tras sumar 21 nun só día. Destes, 31 están na UCI, tres máis. Tamén as áreas sanitarias de Vigo e Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras experimentaron ascensos importantes. A viguesa sumou 21 hospitalizacións máis nun día, ata colocarse en 105 pacientes, 20 deles (+2) en UCI; mentres que a ourensá ascendeu en 16, ata os 98 ingresados, aínda que baixaron nun, ata o seis, os que precisan de coidados intensivos.

En canto a Santiago-Barbanza, mantense como o segundo distrito sanitario con maior presión hospitalaria tras o coruñés, pero o ascenso non é tan acusado. En concreto, nos datos deste luns contabiliza 115 pacientes de covid ingresados, dos que 16 --dous máis-- están en críticos. A área sanitaria de Ferrol alcanzou os 100 hospitalizados tras sumar outros catro nas últimas 24 horas, a pesar de que os que requiren UCI descenderon en dúas, ata os 11.

Tamén continúan á alza, aínda que con menor intensidade, en Pontevedra-O Salnés, con 77 ingresados (+9), 13 deles en UCI (+1); e en Lugo-A Mariña-Monforte, con 50 hospitalizados (+7), dos que sete están en coidados intensivos (+1).

NOVOS CONTAXIOS DIARIOS

Así mesmo, a web de Sanidade tamén recolle que desde o inicio da pandemia contaxiáronse 77.279 persoas de coronavirus, das que 1.025 tívose constancia nas últimas 24 horas (890 confirmados por PCR), polo que o crecemento continúa por encima do milleiro diario.

Por áreas sanitarias, A Coruña-Cee continúa disparada tras sumar 282 novos contaxios detectados (242 por PCR) nas últimas 24 horas. A segunda é a de Vigo, con 154 casos (133 por PCR), mentres que a terceira é Santiago-Barbanza, con 140 máis (117 por PCR).

Tras estas, están as áreas de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 131 contaxiados máis desde o inicio da pandemia (110 por PCR); seguida de Pontevedra-O Salnés, con 126 (112 por PCR). Finalmente, por baixo do centenar están Ferrol, con 99 positivos máis (94 en PCR), e Lugo-A Mariña-Monforte, que suma 93 máis (82 por PCR).

PCR E POSITIVIDADE

Ademais, Sanidade reflicte que nas últimas 24 horas practicáronse 8.879 PCR (1.250.540 desde o inicio da crise sanitaria), un descenso de 630 con respecto á xornada previa. Todas elas cunha taxa de positividade do 9,5%, menor que a cifra do domingo.

Con todo, con este dato Galicia continúa dobrando o limiar do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia e do que non se baixa na Comunidade galega desde o 24 de decembro.

As taxas no último día foron especialmente elevadas na área sanitaria de Pontevedra, cun 19,5% de positivos en PCR, seguida de Ferrol, co 16,6%, e A Coruña, co 15,8%. A positividade é menor, aínda que tamén supera o 5%, en Santiago (7%), en Lugo (6%), en Vigo (5,7%) e en Ourense (5,4%).

CASOS ACTIVOS, OUTRA MARCA

No que respecta aos casos activos, é dicir, persoas que están enfermas de covid-19 nestes momentos, o cómputo global en Galicia continúa batendo a súa propia marca e sitúase en 13.252 pacientes tras subir en 744 en 24 horas.

De feito, as áreas sanitarias manteñen o seu ascenso e todas contan xa con máis de 1.000 pacientes de covid atendidos. A que máis casos activos ten é A Coruña-Cee, cun total de 3.346 despois de sumar 217 na última xornada. Séguenlle a de Vigo, con 2.452 (+119), e Santiago-Barbanza, con 2.341 (+96).

Por baixo dos 2.000 sitúanse o resto. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras está este luns en 1.830 enfermos por coronavirus (+91); Lugo-A Mariña-Monforte atende a 1.146 (+48); Pontevedra-O Salnés, a 1.088 (+105); e Ferrol, a 1.049 (+68).

Xente paseando e conversando na Rua San Pedro en Lugo. Carlos Castro - Europa Press
Xente paseando e conversando na Rua San Pedro en Lugo. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

ALTAS, CASOS E FALECIDOS

Así as cousas, en Galicia contaxiáronse de coronavirus 77.279 persoas desde o principio da pandemia. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, cun total de 17.181 diagnosticados, seguida de Vigo (15.159), Santiago-Barbanza (12.841), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (10.535), Lugo-A Mariña-Monforte (8.357), Pontevedra-O Salnés (8.126) e Ferrol (5.080).

Do total de persoas afectadas pola covid-19 curáronse 62.523 (272 nas últimas 24 horas), mentres que a cifra de falecidos alcanza xa os 1.512, despois do últimas nove vítimas notificadas polas autoridades na noite do domingo --una delas era usuaria dunha residencia de anciáns--

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta