Así buscamos os galegos información sobre o coronavirus

O maior pico de consultas en Google produciuse entre o 8 e o 21 de marzo de 2020. Houbo máis frecuencia de buscas nas vilas que nas cidades e maior atención ao que acontecía en Galicia que en España e no mundo. A galega foi a sétima autonomía por frecuencia de procuras.

Por Alberto Quian | Madrid | 19/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O 31 de decembro de 2019, informouse á oficina en China da Organización Mundial da Saúde (OMS) de varios casos de pneumonía bilateral de causa descoñecida detectados na cidade de Wuhan, provincia de Hubei, onde xa o 3 de xaneiro de 2020 se rexistraban 44 pacientes con esta estraña infección, dos cales 11 estaban gravemente enfermos. Desde entón, o mundo mudou coa expansión planetaria do que se bautizou como SARS-CoV-2, un novo coronavirus que soubemos que é de orixe zoonótica (enfermidade que pode transmitirse entre animais e seres humanos).

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: Pixabay.

Un ano despois da orixe do que xa coñecemos como a pandemia da covid-19 –a maior que padeceu a humanidade dende a mal chamada gripe española (1918)–, sufrimos a carga insoportable de máis de 96 millóns de infectados polo SARS-CoV-2 –aínda non sabemos a cantidade de enfermos que sufrirán secuelas físicas e psicolóxicas irreversibles– e máis de dous millóns de mortos en todo o mundo.

Durante este tempo, prensa, radios e televisións de todo o mundo, e as redes sociais, foron practicamente monopolizadas por informacións, opinións, pero tamén moita desinformación, sobre o novo coronavirus, a evolución da covid-19 e o seu impacto, ademais doutros dramas derivados da pandemia, desde a crise económica global que provocou, pasando polas restricións de liberdades, as oportunistas leas políticas ou a ameaza negacionista e conspiranoica.

Pero, como procuramos información sobre o novo coronavirus? Para sabelo, analizamos como buscaron os galegos información sobre o SARS-CoV-2 e a covid-19 desde o inicio da pandemia até agora. Os resultados poden sorprender, ou non...

Como todos ben sabemos (e practicamos), o buscador de Google é o máis utilizado para facer procuras de información en Internet; de facto, esta compañía, subsidiaria da multinacional estadounidense Alphabet Inc., exerce un cuasi-monopolio no mercado de motores de buscas xeralistas de información na Rede. Así que cos datos deste buscador podemos saber cando e como os galegos procuraron máis información sobre o coronavirus durante 2020, o ano que será xa coñecido como o da pandemia da covid-19.

MÁIS BUSCAS DURANTE O CONFINAMENTO

Os datos presentados aquí non corresponden ao número total de consultas realizadas sobre o coronavirus, senón ao volume de procuras feitas en relación co total de buscas de calquera tipo realizadas ao longo do tempo desde Galicia, dándonos unha medida do interese que suscitou a pandemia. Un valor 100 indica a popularidade máxima do termo, mentres que 50 e 0 indican unha popularidade que é a metade ou inferior ao 1%, respectivamente, en relación ao maior valor.

O que nos di Google é que foi entre o 8 e o 21 de marzo cando vivimos unha éxtase colectiva na procura de información sobre o virus orixinado en Wuhan.

O dato non é fútil. O 8 de marzo celebrouse, como cada ano, o Día Internacional da Muller, con multitudes de mulleres e homes nas rúas de cidades galegas e de todo o Estado –tamén no resto do mundo– na defensa da igualdade. Aquelas manifestacións foron sinaladas pola dereita e ultradereita, sen probas, como o ventilador do coronavirus en España, algo que cientificamente non se demostrou. Aquel foi, talvez, o momento no que o SARS-CoV-2 pasou definitivamente a instalarse no salón das nosas casas da man da polémica, da que xa non se desprendeu en España.

As procuras comezaron a ser significativas a partir do 21 de xaneiro, cando a prensa comezou a falar do "mortal coronavirus de Wuhan" e de que se transmitía "de humano a humano", e acadaron o seu cénit co inicio do confinamento

Como todos temos gravado na nosa memoria, os acontecementos precipitáronse a unha velocidade e dimensión difíciles de asumir para todos nós. O 13 de marzo entraba en vigor o Estado de Alarma decretado polo Goberno de España, co que se forzaba a toda a poboación a confinarse nos seus fogares (aqueles que o tivesen).

Aquel virus “chinés” do que soubemos en xaneiro, e que percibiramos tan lonxe de nós como Marte da Terra, estaba xa golpeando duro aquí.

O 8 de marzo, o Ministerio de Sanidade notificara 589 contaxiados, entre eles, 17 falecidos; o 13 xa eran 4.209 enfermos e 120 mortos os confirmados, e o 21 de marzo disparábanse até 24.926 casos e 1.326 finados. Xa nada volveu parecerse nin sequera un chisco á normalidade. Galicia, España, Europa…, o mundo enteiro tinguíase de silencio e morte.

Só o murmurio entre paredes de televisores e radios case permanentemente conectados e os aplausos aos sanitarios desde fiestras e balcóns, puntualmente cada día, ás oito do serán, suavizaban a sensación de soidade e crebaba o silencio nos que nos somerxemos. 

Illados nos nosos fogares, coma se estivésemos nunha adaptación a esta nova anormalidade da novela ‘A posibilidade dunha illa’, do sempre controvertido e fascinante Michele Houllebecq, abrimos probablemente máis que nunca as fiestras dixitais ao mundo físico na procura de información para saber que estaba acontecendo aí fóra.

Outro dato relevante: malia que se sabía da existencia do SARS-CoV-2 desde xaneiro, non foi até a terceira semana de febreiro que se comezaron a disparar desde Galicia as procuras en Google coa palabra “coronavirus” de maneira notable, cunha curva ascendente que acadou o seu cénit diario o 12 e 13 de marzo e por semanas, as do 8 ao 14 de marzo e do 15 ao 21.

Antes, este virus apenas gozara da nosa atención. Até o 21 de xaneiro as procuras sobre o coronavirus mostran un valor cero, momento a partir do cal comeza unha leve repunta, con valores entre 1 e 7.

Por que comezamos a preocuparnos por este becho xusto naquel momento? Se un repasa as hemerotecas, verá que o 20 de xaneiro de 2020 dábase a coñecer á opinión pública: "El mortal coronavirus de Wuhan, la extraña neumonía que ya ha salido de China”, como informou El Mundo, entre outros medios. Non só iso, outros medios, como France 24, informaban de que se confirmara a “transmisión de humano a humano do novo coronavirus” (tamén, por exemplo, en El País). Ante as novas cada vez máis inquietantes, comezaron a acenderse algunhas alarmas. Uns días despois, o 31 de xaneiro, confirmábase o primeiro positivo en España, en La Gomera (Illas Canarias). 

Volveron entón caer os niveis de buscas en Google, até que no último terzo de febreiro comezaron a aumentar de maneira sostida, coincidindo cos primeiros contaxios confirmados na Península e, un chisco máis tarde, o 4 de marzo, co primeiro positivo rexistrado en Galicia, en Vigo. 

A partir da desescalada en España, as procuras mantivéronse en niveis moi por debaixo dos acadados durante o confinamento

As procuras disparáronse definitivamente a partir do 9 de marzo, até acadar o seu cénit. Pero desde a última semana de marzo, xa confinados, e quen sabe se por esgotamento e saturación informativa, ou se por outras razóns, o nivel de buscas de información en Google sobre o coronavirus caeu de maneira sostida semana a semana até principios de xuño de 2020, momento desde o cal se mantiveron estables, moi por debaixo dos niveis acadados en marzo.

Este dato tampouco é fútil. A principios de maio iniciouse en España un proceso de desescalada do confinamento en diferentes fases e foi a finais daquel mes e principios de xuño cando comezou a segunda fase, que permitía a apertura, con limitacións, de bares e restaurantes, eliminaba as restricións horarias para saír á rúa, permitía reunións de até 15 persoas, reabrían praias, piscinas, centros comerciais, cines, teatros, centros educativos e de formación extraescolares… Volvía o ocio no que gastar tempo das nosas vidas aí fóra e, polo tanto, diminuíu o dedicado a buscar información en pantallas no fogar.

MAIOR INTERESE NO QUE ACONTECÍA EN GALICIA

Como procuramos información sobre o coronavirus durante este último ano? Os datos de consultas en Google feitas desde Galicia relacionadas coa palabra “coronavirus” mostran que a máis popular foi a que se acompañou, precisamente, pola palabra “Galicia”. Dedúcese, polo tanto, que os galegos procuraron máis información sobre a realidade da pandemia no seu ámbito xeográfico.

De novo aquí, a puntuación baséase nunha escala relativa na que un valor de 100 indica a consulta de procura máis frecuente, un valor de 50 indica as consultas cuxa frecuencia de procura é a metade da frecuencia de procura da consulta máis popular e así sucesivamente. Así, a consulta relacionada principal durante todo este tempo foi “coronavirus Galicia” cun valor de 100 (o máximo).

Este maior interese sobre o impacto do coronavirus no territorio galego reflíctese na cuarta combinación de palabras máis utilizadas, “coronavirus en Galicia”, que acadou un valor de 23.

Por medio aparece “España coronavirus” como a segunda procura de palabras combinadas máis utilizada polos galegos (valor 79), algo lóxico pola conexión de Galicia co resto do Estado e as políticas comúns ditadas desde o Goberno central para tentar frear a expansión da pandemia. De feito, buscouse tamén moita información coa combinación “coronavirus en España” (sétimo posto, cun valor de 18).

Atopamos tamén buscas significativas que combinan “coronavirus España Galicia”, no duodécimo posto (valor 12), dato que reforza o alto grao de interese polo impacto da pandemia a nivel galego e estatal, aínda que tamén houbo notable preocupación dos galegos pola situación da pandemia no resto do planeta, con buscas como “coronavirus mundo” (posto 12, cun valor de 11), o que indicaría unha preocupación tamén polo que acontecía no resto do planeta.

Buscouse preferentemente información sobre a incidencia do coronavirus no territorio galego e, logo, en España, pero tamén, por exemplo, en Italia, país que foi o epicentro da pandemia en Europa ao inicio

Outras buscas a salientar foron “noticias coronavirus”, que ocupa o noveno posto (valor 16), “coronavirus hoxe” (terceiro, cun valor 23), “última hora coronavirus” (quinto lugar, cun valor 22), “coronavirus Galicia hoxe” (posto 24, valor 7) e “coronavirus últimas noticias” (posto 25, valor 6), o que evidencia un significativo apego á actualidade.

Pero tamén hai que salientar outras procuras. No oitavo posto aparece “Vigo coronavirus” (valor 17), algo que tamén parece lóxico, xa que se trata da cidade máis habitada de Galicia. O dato evidencia tamén un importante interese na información local sobre a pandemia. Así acontece tamén no caso da segunda cidade máis grande do país: “coronavirus Coruña” ocupa o décimo posto entre as consultas relacionadas (valor 13). Tamén destacan as buscas “coronavirus Ourense”, no posto 15 (valor 10), sobre a situación da pandemia na terceira cidade máis poboada de Galicia, e “Lugo coronavirus”, no vixésimo lugar (valor 8).

Cabe destacar o interese específico mostrado pola evolución dos datos da pandemia e a procura de información visual, coas procuras “casos coronavirus” no sexto lugar (valor 19), “mortos coronavirus” no décimocuarto posto (valor 11), “coronavirus mapa” (posto 18, valor 8) e “coronavirus datos” (posto 19, valor 8).

Relacionado co anterior, entre as consultas relacionadas tamén destacan as procuras “coronavirus síntomas” e “síntomas coronavirus” (postos 16 e 17, cun valor de 10 na escala de 100), o que denota preocupación pola sintomatoloxía da covid-19, procurando información que confirmase ou descartase a enfermidade.

E por último, dous datos curiosos: a combinación “coronavirus Italia” destaca no décimoterceiro posto (valor 11) das buscas máis frecuentes en Galicia, o cal, a priori, pode sorprender, pero podería estar relacionada con que o país transalpino foi o epicentro da pandemia en Europa ao inicio desta crise sanitaria e recibiu unha grande atención; por outro lado, sorprende que entre as consultas relacionadas máis frecuentes non apareza o termo “confinamento.

LOCALIDADES CON MAIOR FRECUENCIA DE PROCURAS

Outra variable substancial para entender as procuras de información sobre o coronavirus en Galicia é a localización xeográfica destas. E aquí os resultados poden resultar sorprendentes: durante o último ano, as localidades galegas onde houbo máis frecuencia de buscas sobre este termo non foron as grandes cidades. Os habitantes de Pontedeume (valor 100) son os que con máis frecuencia buscaron información sobre o novo virus, seguidos polos de Sarria (98), Chantada (96), O Corgo (95) e O Carballiño (93)

O sexto e sétimo postos, cun valor de 92 e 91, respectivamente, ocúpano Narón e Vilalba, mentres que Ourense é a primeira das sete grandes cidades galegas nesta clasificación, ocupando o oitavo lugar cun valor de 91, o mesmo que Roxos. No décimo posto colócase Ponteareas (90).

En xeral, foi en pequenos e medianos núcleos, máis que nas grandes cidades, onde houbo maior frecuencia de buscas sobre o coronavirus

Entre as grandes cidades, a seguinte na clasificación é Ferrol, no posto 12 (valor 87), seguida de Lugo (posto 23, valor 83), Vigo (posto 30, valor 79), A Coruña (posto 39, valor 76), Santiago de Compostela (posto 43, valor 76), e Pontevedra (posto 65, valor 69).

De novo, os valores calcúlanse nunha escala do 0 ao 100, na que 100 indica a localización con maior frecuencia de procuras en proporción ao total de procuras realizadas nesa localidade, mentres que valores de 50 indican as localidades onde a popularidade do termo é a metade con relación ao valor, e así sucesivamente.

Polo tanto, o que nos indican estes datos é que, en xeral, foi en pequenos e medianos núcleos, máis que nas grandes cidades, onde houbo maior interese sobre o coronavirus.

SÉTIMA AUTONOMÍA 

Galicia foi o sétimo territorio do Estado español con maior frecuencia de buscas sobre o coronavirus durante 2020, cun valor de 90.

Por enriba, Asturias foi a comunidade autónoma na que os seus habitantes mostraron maior interese (marca o valor máximo, 100), seguida de Navarra (99), Castela e León e La Rioja (ambas as dúas cun valor 94), Aragón (93) e Castilla-La Mancha (92).

Todos os demais territorios sitúanse en valores por baixo de 90, sorprendendo a última posición de Catalunya, cun valor de 69. Tamén destacan por baixo de 80 Canarias e Melilla (ambas as dúas cun valor de 74).

Segundo Google, a palabra "coronavirus" foi a máis buscada en España durante 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 anonimo

O covid non é una farsa, e os mortos tampouco son, desgraciadamenrte, una farsa.O que sí e una farsa son as teorías conspiranoides.

1 pensamento critico

Se a xente estivera realmente informada, non crería nesta farsa do covid. Entendería que as enfermedades son as mesmas de sempre. O que hai é un afán controlador por parte dos estados.

1 anonimo

As enfermedades non son " as mesmas de sempre" porque hai un exceso de mortes, ( case 70.000 no estado ) precisamente por coronavirus. Seica o suposto " pensamento crítico" non é tal.

2 Huang ho

Con ilustrados coma pensamento crítico estamos amañados... Os mortos son actores, as uci teatros e a maioría poñémonos de acordo para actuar de secundarios nesta pantomima. Isto se o deixas contaxia ata ao tato. Ese é o gran problema. E mata os vellos (e aos novos tamén) moita máis que o gripe. Isto non lle interesa a ninguén con media economía mundial parada. Vaia pensamento crítico.... Me deus.