A Coruña e Ferrol, as áreas máis "tensionadas" segundo Sanidade

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria sinala que esta presión non se deixa notar en urxencias, se non na cifra de pacientes ingresados con respecto á súa capacidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/01/2021 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

A Consellería de  Sanidade recoñece que as áreas sanitarias da Coruña e Ferrol son agora mesmo as "máis  tensionadas" a nivel asistencial pola covid-19, aínda que considera que o sistema sanitario galego, que funciona como unha "planta única", aínda ten capacidade para asumilo, e descarta, polo momento, a utilización dos hospitais de campaña incluídos no plan de continxencia. Así o explicou, a preguntas dos medios, o director  xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, que recoñeceu que existe "preocupación" pola evolución asistencial da terceira onda da pandemia.

Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).
Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

En concreto, como xa ocorre desde hai días, A Coruña e Ferrol son "as áreas sanitarias que están máis  tensionadas desde o punto de vista asistencial", aínda que esta presión non se deixa notar en urxencias, se non na cifra de pacientes ingresados con respecto á súa capacidade.

En concreto, segundo os datos da web do Sergas, a área da Coruña ten 194 pacientes ingresados, dos que 31 están en UCI, e a de Ferrol rexistra, 100, 11 en coidados intensivos. De feito, a presión na UCI obrigou a trasladar este domingo algúns pacientes de coidados intensivos desde Ferrol a Lugo, e hanse  reprogramado intervencións non urxentes nas dúas áreas, así como en Santiago.

"A situación está a ser monitorada de forma continua e as áreas sanitarias están a levar a cabo os plans de continxencia que se describiron relacionados coa posible previsión dunha onda", dixo Jorge Aboal que, con todo, destacou a "sorte" de que, ao contrario do previsto, a gripe aínda non fixo aparición en Galicia, co que a "demanda de cadros respiratorios" baséase, sobre todo, en pacientes  covid.

Preguntado acerca da posibilidade de utilizar hospitais de campaña, Aboal a explicado que están incluídos en "a fase catro do plan de continxencia", polo que "haberá que superar aínda a segunda e a terceira" para chegar a este escenario.

A posibilidade de instalar estes centros "está na cabeza" e incluída nos plans de continxencia xa desde a primeira onda, "pero ao seu debido tempo". "Esa planificación segue aí, están dispoñibles, e cando cheguemos á fase tres haberá que empezar a pensar na fase catro", explicou. "Estamos continuamente en contacto co comité de expertos para non chegar nin sequera a unha terceira fase", resolveu.

Finalmente, sobre a cepa británica, Aboal asegurou que os casos detectados en Galicia "non chegan a unha ducia" e enviou unha mensaxe de tranquilidade á poboación lembrando que "a prevención da transmisión é a mesma", o "diagnóstico é o mesmo" e "o tratamento é o mesmo". A maiores, destacou que é igualmente sensible á vacina.



Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta