O BNG propón un confinamento de dúas semanas se non hai un control "inmediato" da pandemia

Pontón recoñece que se trata de decisións "duras", pero advirte de que "non é asumible" a situación actual. O PP cuestiona que esa afirmación teña aval científico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/01/2021 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo un confinamento de dúas semanas se a curva da terceira onda "non se controla de inmediato". "É unha medida moi dura, pero hai que pola enriba da mesa ante a escalada de contaxios, hospitalizacións, ingresos en UCI e falecementos", sinalou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG.

Preguntado por esta proposta, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, cuestionou o aval co que se fixo esta formulación e defendeu que a Xunta traballa co asesoramento do comité de expertos para adoptar as decisións.

Pontón, pola súa banda, incidiu en que "sen saúde, non hai economía", como demostrou, dixo, o "salvar o Nadal", e pediu "usar os fondos europeos e os orzamentos para axudar os sectores afectados". Por iso, demandou ao presidente da Xunta que presente o plan de vacinación na Cámara, despois de que xa o urxise nunha deputación permanente a semana pasada, sen o apoio do PPdeG xa que empezou xa o novo período de sesións.

Durante a súa intervención, Pontón tamén se referiu ao "anuncio de 2.000" enfermeiros, para "equiparalo" aos 6.000 rastrexadores. "Pura propaganda", indicou a portavoz nacional do Bloque, quen indicou que a terceira onda é "tan virulenta como a primeira", con cifras "inasumibles".

Por iso é polo que o Bloque reclamase "medidas valentes, fronte á etapa de actuacións "brandas", incluíndo un confinamento total dúas semanas se a curva non se aplana de forma inmediata nos próximos días".

Na súa análise, a dirixente nacionalista observou que as restricións "non están a ser efectivas nin suficientes" e, por iso, pediu que se tomen medidas "valentes". "Se nos próximos días non se lograr aplanar a curva, senón se logra frear o ritmo de contaxios, hospitalizacións e falecementos, pedimos ao Goberno da Xunta e ao Goberno do Estado un confinamento, un confinamento que permita frear a cadea de contaxios e salvar vidas", salientou.

Pontón conveu que a "ninguén lle gusta o confinamento", porque "é unha medida moi dura, pero hai que pola sobre a mesa canto antes, se os datos non melloran de forma substancial e de inmediato". "Porque o que non é asumible é esta escalada do virus e, se non empeza a descender xa, desde o BNG pensamos que hai que ser valente e apostar por un confinamento de dúas semanas, ampliable se fose necesario", reiterou.

En termos sanitarios, agregou, "o descontrol da terceira onda repercute tamén na saúde xeral da cidadanía", posto que volve haber un adiamento de intervencións afectando de cheo a pacientes con outras patoloxías que non son covid.

O PP CUESTIONA O AVAL DA PROPOSTA

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defende que a Xunta traballa co "asesoramento" do comité clínico, polo que "outro tipo de propostas que non teñen máis que o aval persoal de quen as pronuncia non teñen o valor científico" e "o pouso de meditación" de quen está "en primeira liña" nos hospitais.

"Mentres o virus siga por aí, a solución fácil é que todos nos metamos en casa, xa o vimos no máis duro de todos os confinamentos que houbo en Europa; pero o certo é que iso tamén ten outras consecuencias, mesmo tamén sen abandonar o propio campo da saúde pública", reflexiona o portavoz popular.

Por tanto, chama a "seguir" as medidas que marque o comité clínico, xa que defende o seu "traballo encomiable" que "se demostra polos datos da pandemia en Galicia", cunha evolución "menos mala que no conxunto de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Evidentemente non vai haber un "control inmediato" da pandemia nen eiquí nen en Uruguai, porque, sinxelamente, é imposible. O virus está ahí e non vai desaparecer. Do que se trata é de buscar, como sexa, protagonismo social.

1 Pontonísimos

O mesmo BNG que votou en contra do primeiro confinamento. Viva a coherencia. Como se nota que esta xente non traballou na vida.