Sanidade pecha hostalaría e suspende actividade non esencial en Arteixo, Viveiro e Xinzo

Ademais, a Xunta incorporou a 55 concellos ao nivel de restricción máximo, entre eles, Vigo e Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2021 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade ordenou o peche completo da hostalaría e a suspensión de actividades non esenciais en tres localidades: Arteixo, Viveiro e Xinzo, municipios de máis de 10.000 habitantes que preocupan aos expertos de forma especial porque presentan unha incidencia por encima dos 1.000 casos por 100.000 habitantes a 14 días.

Así o explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que compareceu en rolda de prensa para informar das decisións tomadas este luns no seo do comité clínico de expertos que asesora á Xunta en materia de coronavirus.

Neste sentido, os expertos, ademais de elevar o nivel de restricións ao máximo en 55 municipios, analizaron de maneira pormenorizada a situación de Arteixo, Xinzo e Viveiro, tres concellos que lles "preocupan especialmente" pola súa alta incidencia, que se suma ao feito de que teñen un "numero importante de habitantes con moita posibilidade de mobilidade interior e de contacto" dentro do municipio.

Por iso, o comité clínico decidiu impor nestes tres municipios unhas medidas especiais que pasan polo peche total da hostalaría ao publico e a suspensión de todas as actividades non esenciais. "Ímoslle a pedir a estes veciños un maior esforzo", dixo García Comesaña, que lembrou que, no tres casos, os datos están catro veces por encima do nivel máximo consensuado de alerta, de 250 casos por 100.000 habitantes.

SÓ ENTREGA A DOMICILIO E ACTIVIDADES CLAUSURADAS

Mentres duren estas medidas especiais, os establecementos de hostalaría destes tres municipios non poderán permanecer abertos ao público, nin sequera para o uso da terraza. No entanto, permítese o servizo a domicilio ou a recollida en local. Ademais, segundo precisou o secretario xeral da consellería, Alberto Fontes, quedan suspendidas actividades non esenciais, cuxa enumeración exhaustiva quedará reflectida na orde do Diario Oficial de Galicia que se publicará esta tarde.

De forma xeral, non poderán operar ximnasios, establecementos de xogo ou bibliotecas e quedan prohibidos tamén espectáculos públicos ou actividades culturais ou sociais. O que si se permitirá será a actividade de comedores vinculados a centros de traballo --como o de Inditex-- ou escolares, dado que non hai acceso de persoas alleas ao colexio ou empresa.

A inclusión deste tres municipios nestas medidas débese, fundamentalmente, ao seu tamaño e interacción poboacional --máis de 10.000 habitantes-- e a que o seu nivel de contaxios sitúase por encima dos 1.000 por 100.000 habitantes a 14 días. Pero é que, ademais, Julio García Comesaña destacou a "explosividade" que o virus está a ter no tres concellos, cun rápido crecemento das cifras.

En concreto, a directora xeral de Asistencia Sanitaria, Carmen Durán, explicou que Arteixo pasou nunha semana dunha incidencia acumulada de 576 casos a 1.300 a 14 días, o que facía "evidente que había que tomar algún tipo de decisión". Na mesma liña, Viveiro rexistraba fai sete días 160 casos e unha incidencia de 1.034 casos, mentres que, con datos do luns, os casos suman 260 a 14 días e a incidencia supera os 1.681 casos por 100.000 habitantes.

Finalmente, Xinzo de Limia, onde un cribado poboacional detectou unha importante circulación do virus, pasou de 105 casos a 14 días a 193 e a incidencia roza os 2.000 casos por 100.000 habitantes. No outro lado da balanza, o conselleiro de Sanidade xustificou que non se inclúan polo momento nestas restricións ao municipio pontevedrés de Tui, que presenta unha incidencia de 1.083 casos a 14 días por 100.000 habitantes.

Un home pasa por diante da terraza dun restaurante o 15 de xaneiro de 2021. Carlos Castro - Europa Press
Un home pasa por diante da terraza dun restaurante o 15 de xaneiro de 2021. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comesaña explicou que boa parte da incidencia deste municipio está condicionada por un importante brote na súa residencia de maiores, con casos que "non saen e non se relacionan con ninguén". Se non se teñen en conta estes contagios, a incidencia en Tui é de 556 casos, resolveu.

Ademais, a preguntas dos medios, o conselleiro tamén falou do bando emitido polo Concello de Xinzo, recomendando aos seus veciños un toque de queda ás 20.00 horas. "Parécenos ben a preocupación do concello polos seus cidadáns, pero parécenos mellor que estas medidas sexan consensuadas", dixo García Comesaña, que apostou pola "homoxeneidade" e defendeu que é a consellería a "autoridade competente" para ditar medidas.

SITUACIÓN DAS CIDADES

En canto á situación das cidades, Carmen Durán explicou que A Coruña pasou dunha incidencia de 302 casos por 100.000 habitantes a 14 días hai unha semana a 509, mentres que Santiago pasou de 334 a 555. Ferrol, pola súa banda, creceu dos 295 a 410 e Ourense pasou en sete días de 295 casos por 100.000 habitantes a 14 días a 536.

No caso de Vigo, o paso foi de 200 a 309 casos por 100.000 habitantes e en Pontevedra a incidencia acumulada sitúase preto dos 300 casos. Nestas dúas últimas cidades, ademais, a taxa de positividad de PCR supera o 10%. A mellor evolución, polo momento, é a de Lugo, que pasou de 115 a 161 casos por 100.00 habitantes e a súa taxa de positividad está por baixo do 6%. Aínda que está en nivel medio, continúa en peche perimetral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta