O Chuac, nunha situación "moi complicada": "cada día ingresamos a 20 ou 30 persoas con covid"

Un sanitario coruñés pide "restrinxir saídas" para conter a enfermidade. Agardan que o ritmo de ingresos se manteña nos próximos días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 11:16

Comparte esta noticia

O director de Atención Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Pedro Marcos Rodríguez, advertiu da situación "complicada" no hospital polo incremento de casos Covid, "cunha media de entre 20 e 30 ingresos todos os días con pacientes con pneumonía por coronavirus". Desta tendencia, dixo que prevén que se manteña nos próximos días.

"Estamos a vivir uns días moi complicados con máis de 200 hospitalizados por Covid, dos cales 35 están en UCI", resumiu sobre a situación nun audio remitido aos medios de comunicación. Ademais, precisou que nestes momentos están a dedicar a pacientes Covid "integramente" seis unidades de enfermaría e non descartou empezar este mércores a usar a sétima. A iso, sumou dúas unidades de críticos.

Tamén remarcou que a actividade hospitalaria de pacientes non Covid está a ser "intensa". "Superior á esperada", expuxo o doutor Pedro Marcos, quen destacou a colaboración de 14 servizos distintos non relacionados coa asistencia Covid para atender a estes pacientes.

E, neste contexto, apelou a "restrinxir saídas". "As mínimas indispensables: traballo, colexio, médico, farmacia e alimentación, o xusto e necesario", engadiu ao apelar á "responsabilidade de todos". Nestes momentos, na área sanitaria da Coruña e Cee son 218 os pacientes ingresados. No Chuac: 35 en UCI e 160 en planta; no Quirón, dous en UCI e cinco en planta; no Modelo, dous en UCI e catro en planta e en Cee, dez en planta. As altas son 127 con 3.621 pacientes en domicilio.

Un profesional sanitario prepara a padiola para baixar da ambulancia a un paciente con COVID-19 nunha imaxe de arquivo. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS
Un profesional sanitario prepara a padiola para baixar da ambulancia a un paciente con COVID-19 nunha imaxe de arquivo. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta