A Xunta comeza a prohibir as reunións de non conviventes nos concellos con peor situación sanitaria

Dende a noite do mércores, Xinzo, Viveiro e Arteixo verán clausurada toda actividade non esencial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

Tres municipios galegos, Xinzo, Viveiro e Arteixo, entrarán na madrugada do mércores ao xoves nun nivel especial de restricións que abarca a suspensión de actividades recreativas e deportivas e o peche de toda a actividade non esencial, incluída a hostalaría, así como a prohibición de reunirse con persoas non conviventes, para tratar de frear a evolución "explosiva" que ten a covid-19 nestas áreas.

Así, a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto que debulla estas restricións e as do resto da comunidade e que inclúe o anexo de actividades que deberán permanecer pechadas en Xinzo, Viveiro e Arteixo mentres dure esta situación. Nel inclúese a suspensión neste tres municipios de espectáculos públicos cinematográficos, teatrais, musicais ou deportivos, feiras ou circos, así como de actividades deportivas, de lecer ou de entretemento.

Tamén deberán pechar aos público cinemas, teatros, auditorios, recintos feirais, estadios, pavillóns deportivos, ximnasios, piscinas de competición ou de uso recreativo, museos, bibliotecas ou salas de conferencias, entre outros. Do mesmo xeito que o resto de municipios con restricións, tampouco poderán operar casinos, salóns de xogo, tendas de apostas, locais de lecer nocturno ou espazos de lecer infantil. En canto aos establecementos de restauración e hostalaría, deberán permanecer totalmente pechados ao público en Xinzo, Viveiro e Arteixo, aínda que poderán manter o servizo de recollida ou de entrega a domicilio, que se estenderá ata as 24.00 horas.

Esta limitación non opera, no entanto, para os establecementos de restauración situados en centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores ou, no caso de hospitais, a acompañantes de persoas ingresadas. Neste caso, non poderán superar o 50% de ocupación e o consumo no local será unicamente en mesa, mantendo a distancia de seguridade.

Un bar pechado en Xinzo de Limia, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Un bar pechado en Xinzo de Limia, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta