O Parlamento demanda a construción dun buque para a Armada en Navantia Ferrol

A Cámara non alcanza acordo para reclamar que Siemens Gamesa retire o ERE das Somozas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O Parlamento galego instou á Xunta a esixir ao Estado que se constrúa nos estaleiros de Navantia Ferrol un Buque de Acción Marítima (BAM) para a Armada Española. Na comisión de Industria, saíu adiante esta proposta do PP --co apoio do BNG e a abstención do PSdeG-- que pide dotar de carga de traballo "inmediata" a ría de Ferrol, tanto para o persoal principal como para a industria auxiliar.

A proposta pide --tras aceptar o PP a emenda do BNG-- tamén a adxudicación e inicio inmediato en Navantia en Ferrol das obras de transformación do buque mercante 'Galicia', adquirido a finais do ano pasado polo Ministerio de Defensa para transporte de tropas e vehículos do exército.

Miguel Tellado (PPdeG) comezou a súa intervención cun rexeitamento "total" á decisión de Endesa de pechar a térmica das Pontes, pois "non é de recibo que unha empresa que lle debe tanto ás Pontes e a Ferrolterra" use "como coartada a nefasta xestión da transición enerxética que realiza o Goberno socialista nestes momentos".

SEN ACORDO SOBRE GAMESA

Con todo, o Parlamento galego non alcanzou este mércores acordo para pedir a Siemens Gamesa a retirada do ERE da planta no municipio das Somozas. O PSdeG presentou unha iniciativa sobre esta cuestión, que posteriormente se autoenmendou. Os populares pediron unha votación separadas por puntos co fin de apoiar o relativo á retirada do ERE e a apertura dunha mesa de traballo conxunta. En cambio, os socialista denegaron a votación por puntos, de forma que só recibiron o respaldo do BNG, posto que o PP votou en contra da proposta no seu conxunto.

Nunha xornada na que unha delegación do comité de empresa das Somozas asistiu ao Parlamento para visibilizar a súa situación, o deputado Martín Seco (PSdeG) defendeu que "non é tarde para seguir presionando a Siemens Gamesa de que debe seguir analizando as opcións de viabilidade alternativas ao peche". Chama a "convencer" a compañía para que "reconsidere a súa posición" de deslocalización a Portugal ante a "oportunidade que xorde coa eólica mariña" en Galicia. Ademais, Seco empraza o PP a que "faga algo máis que apuntar co seu dedo acusador cara a outro lugar", de forma que require á Xunta que "non renuncie" ás súas competencias en materia industrial.

Pola súa banda, Miguel Tellado (PPdeG) remarcou que Siemens Gamesa "non se vai das Somozas, vaise de España", como tamén ocorre nas súas plantas de Navarra e Cuenca. "Vaise de España probablemente porque non se fía deste Goberno", sostén Tellado, que considera que "na practica é unha opa hostil ao discurso de transición ecolóxica do Goberno de Pedro Sánchez".

Concentración na porta de Navantia Ferrol
Concentración na porta de Navantia Ferrol | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta