A Xunta busca impulsar a compra de vivendas entre os mozos e "reactivar o sector da construción"

O pacto galego de vivenda aspira a chegar a 70.000 familias con axudas e medidas como promover alugar casas baleiras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O 'Pacto Social pola Vivenda 2021-2025' recolle un paquete de medidas con axudas para a adquisición de vivenda protexida, para propietarios de casas baleiras que estean dispostos a arrendalas, e tamén accións como o impulso do aluguer con opción a compra para mocidade ou para aqueles que aposten por reconstruír en localidades con saldo demográfico negativo.

Ratificouno este mércores o presidente galego, quen avanzou que o obxectivo deste pacto "consensuado" entre Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e entidades ligadas ao sector da vivenda, é mobilizar ata 2025 máis de 1.080 millóns e chegar a 70.000 familias. Lonxe de "deter" o paso, a pandemia debe impulsar, segundo Feijóo, "sentar os alicerces" para unha nova política de vivenda.

Con tal fin, xunto con Feijóo e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sentáronse para subscribir o pacto no Museo do Gaiás representantes da Fegamp, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Colexio Oficial de Administradores de Leiras, Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Consello de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Federación Galega da Construción, Federación de Promotores de Licitación e Solo e Unión Galega de Cooperativas de Vivendas.

Estruturado en catro liñas estratéxicas e con case medio centenar de accións que combinan medidas xa implantadas cunha ducia de iniciativas "novas", o titular da Xunta remarcou que para conseguir todos os obxectivos prevese un investimento directo duns 433 millóns.

"É dicir, unha inxección importantísima de recursos dirixida a particulares e empresas coa que estimamos unha mobilización de 1.083 millóns de euros entre fondos públicos e privados", reiterou, convencido de que, deste xeito, "se contribuirá a manter, aproximadamente, 30.000 postos de traballo e a reactivar a economía" tras a incerteza e o parón da actividade por mor da covid-19.

AXUDAS DE ATA 20.000

Dentro da liña estratéxica centrada en facer máis accesible a vivenda, Feijóo aludiu á posta en marcha de medidas para dar un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas, mediante axudas de ata 20.000 euros para familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM.

"Deste xeito, conseguimos un dobre obxectivo: axudar, sobre todo aos mozos, a que poidan comprar unha vivenda e reactivar o sector da construción; e potenciar a promoción da vivenda protexida, cunha mellor análise dos custos para os promotores, e adaptando os períodos de protección", argumentou.

Tamén destacou que a Xunta lanzará o aluguer con opción a compra para menores de 35 anos, de forma que os propietarios poidan incluír esta opción ata o quinto ano, mantendo un prezo establecido, e a cambio teñan acceso a axudas de ata 8.000 euros.

Ao tempo, prevese impulsar a mobilización das vivendas baleiras, fomentando o seu arrendamento, con axudas tamén de ata 8.000 euros para os donos dos inmobles, a cambio da cesión en usufructo e a xestión do aluguer por parte da Administración autonómica durante 10 anos. E, para paliar a exclusión residencial, impulsaranse "instrumentos de colaboración" entre a Xunta e as entidades de servizos sociais, para velar pola atención aos colectivos vulnerables.

REHABILITACIÓN E RECONSTRUCIÓN

Dentro da aposta pola rexeneración dos espazos urbanos, a rehabilitación de vivendas e o compromiso coas zonas menos poboadas, Feijóo anticipou que o Goberno galego seguirá fomentando a reconstrución de vivendas en núcleos rurais, mediante incentivos a particulares que sexan autopromotores de vivendas en concellos con saldo demográfico negativo.

Así mesmo, lanzarase un programa de núcleos rurais en abandono, para facilitar aos concellos a súa dinamización e posta no mercado, con axuda de ferramentas informáticas que se porán á súa disposición para dalos a coñecer.

PLAN DE CESIÓN DE LOCAIS DO IGVS

Sobre a estratexia de chan residencial, Feijóo afirmou que se priorizarán as ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas con maior dificultade.

Por outra banda, implantaranse medidas como a posta en funcionamento do rexistro de informes de avaliación de edificios; ou un plan de cesión e venda de locais do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para favorecer o seu arrendamento a favor de entidades sociais sen ánimo de lucro, cun período de carencia de tres anos e renda limitada durante cinco.

"En definitiva, deseñamos en consenso co sector unha batería de medidas en todas as frontes, para axudar aos mozos a adquirir vivendas en concellos de menos 5.000 habitantes ou en centros históricos; con diversas axudas ao aluguer; ou cun incremento do 25% das subvencións á rehabilitación en municipios de menos de 5.000 habitantes", resumiu.

Firma do Pacto Social pola Vivenda 2021-2025.. Xunta de Galicia
Firma do Pacto Social pola Vivenda 2021-2025.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta