A borrasca deixa abondosas precipitacións e ventos de ata 140 km/h en Galicia

O 112 non rexistrou incidencias de relevancia este mércores por un temporal que si causou danos en Vigo durante a noite.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A borrasca Gaetan deixou este mércores ao seu paso por Galicia precipitacións de case 90 litros por metro cadrado no municipio coruñés de Santa Comba, así como fortes ventos, especialmente no litoral e en zonas montañosas, con refachos de ata 140 quilómetros por hora na costa luguesa.

Con todo, segundo fontes da central de emerxencias consultadas por Europa Press, o temporal non causou incidencias de relevancia durante a mañá do mércores, período no que boa parte de Galicia permaneceu en aviso laranxa por riscos relacionados coa choiva e o vento. A zona onde maior impacto tivo a borrasca Gaetan foi nas Rías Baixas. En Vigo foron moitas as incidencias rexistradas, especialmente durante a madrugada.

Así as cousas, a estación de Meteogalicia localizada en Fontecada --Santa Comba-- foi a que maior volume de precipitación recolleu nas últimas horas con 89,9 litros por metro cadrado. As choivas tamén foron copiosas en Forcarei, con 74,5 litros por metro cadrado, en Muíños, con 64,1 litros por metro cadrado e en Entrimo, onde chegaron a caer 60,1 liros por metro cadrado.

En canto aos ventos, o refacho máximo rexistrouse á primeira hora da mañá en Penedo do Galo --Viveiro--. Ás 07,20 horas rozáronse neste punto o 140 km/h. Tamén alcanzaron ventos de máis de 130 quilómetros hora noutros dous puntos da xeografía galega: A Gándara --Vimianzo--, 132,2 km/h e no Xistral --Muras--, onde se chegou ao 130,7 km/h ás 12,00 horas deste mércores.

Unha persoa espera para cruzar co seu can nun paso de peóns da Coruña, Galicia (España). M. Dylan - Europa Press
Unha persoa espera para cruzar co seu can nun paso de peóns da Coruña, Galicia (España). M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta