A Xunta confina 115 municipios a partir deste venres

A mobilidade estará restrinxida só ao ámbito municipal. Tamén se prohíbe a práctica do deporte federado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

Esta medianoite entraron en vigor as novas medidas impostas pola Xunta para tratar de conter a pandemia de covid-19, que pasan por estender a un total de 115 concellos --o 72% da poboación-- as restricións máximas, así como introducir medidas excepcionais de peche total da hostalaría ao público e cesamento de actividades non esenciais en Xinzo, Verín e Arteixo, onde os casos superan o milleiro por 100.000 habitantes a 14 días.

Todo este proceso ten lugar nun escenario de continuo incremento de casos, que suman máis dun milleiro de contaxios ao día nas últimas xornadas, e en pleno debate sobre a posibilidade de adiantar aínda máis o toque de queda --unha opción que demandan varias comunidades, entre elas Galicia, e á que o Goberno central por agora non accedeu--.

Hai unha semana, a Xunta rebaixouno unha hora, ata as 22,00, para toda Galicia, o mínimo que, actualmente, permite o estado de alarma. Como avanzara o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a Xunta demandou adiantalo máis na reunión estatal da interterritorial sanitaria deste mércores, do mesmo xeito que outras comunidades, pero o Goberno central, polo momento, non accedeu afirmando que a maioría das autonomías non estaban de acordo.

En concreto, Feijóo defendeu que situar o toque de queda "na contorna das 20,00 horas, ou entre as 20,00 e as 21,00 horas" e mesmo amplialo máis e fixalo "entre as 18,00 e as 19,00 horas" en concellos cuxa evolución epidemiolóxica sexa máis negativa.

55 MUNICIPIOS MÁIS EN MÁXIMAS RESTRICIÓNS

En todo caso, este xoves as que si entraron en vigor son as modificacións nas medidas restritivas para tentar deter a escalada da covid-19 naqueles municipios con índices superiores aos 250 casos por 100.000 habitantes a 14 días.

En concreto, incorporáronse a este nivel máximo de alerta 55 concellos, entre eles as cidades de Vigo e Pontevedra, co que xa son 115 os municipios galegos sometidos ás restricións máximas. Neles, a hostalaría só pode servir en terraza, cun aforamento do 50% ata as 18,00 horas e manter o servizo a domicilio ou de recollida ata a medianoite. Ademais, aplícanse reducións de aforamento e suspensión de certas actividades.

Un caso especial supono os concellos de Xinzo, Viveiro e Arteixo, que, pola evolución "explosiva" que tivo a covid-19 nas últimas semanas, sofren desde esta medianoite medidas excepcionais, como o peche total da hostalaría ao público --si poderán manter actividade a domicilio ou de recollida-- e suspensión de actividades non esenciais, como ximnasios, cinemas, auditorios, teatros ou bibliotecas.

Un bar pechado en Xinzo de Limia, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Un bar pechado en Xinzo de Limia, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

LOCALIDADES PERIMETRADAS

Con iso, segundo as novas restricións, na provincia da Coruña quedan con mobilidade pechada de forma individual os concellos da Baña, Abengondo, A Coruña, A Laracha, Ames, A Pobra do Caramiñal, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Cedeira, Cee, Cerceda, Cerdido, Coristanco, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Laxe, Mañón, Melide, Moeche, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Outes, Oza-Cesuras, Padrón, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Sobrado, Teo, Trazo, Touro, Val do Dubra, Valdoviño, Vilasantar e Vimianzo.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra quedan perimetrados A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Catoira, Crecente, Cuntis, Forcarei, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

No caso da provincia de Ourense, o peche afecta a Allariz, Barbadás, Monterrei, O Carballiño, Ourense, Verín, Xinzo, Celanova, Porqueira, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos; mentres que na de Lugo está vixente en Burela, Cervo, O Vicedo, Vilalba, Viveiro e Xove, ademais de Lugo cidade.

SEN VESTIARIOS E COMPETICIÓNS SUSPENDIDAS

Por outra banda, estas novas medidas tamén afectan o ámbito deportivo en dous aspectos: a suspensión das competicións de ámbito autonómico e a supresión do uso de vestiarios nos ximnasios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pedro rr

Lo q no entiendo es pq se prohíbe el Deporte Federado, donde no hay problema alguno, por lo menos en el q me afecta a mí, q ws el Balonmano