O BNG volve reclamar un confinamento total de 15 días e o PSdeG critica os "bandazos" de Feijóo coas restricións

Os nacionalistas piden un peche acompañado "de medidas económicas para salvar os sectores". Os socialistas ven a Feijóo "máis preocupado" en "confrontar" co Goberno central que de adoptar as medidas necesarias ante a COVID-19.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a reclamar "un confinamento de quince días que permita pór freo a unhas cifras" da covid-19 que están "descontroladas" e subliña que aínda que se trata dunha decisión "drástica" que "a ningún goberno lle gusta tomar", "é a máis eficaz á hora de salvar vidas e conter a pandemia".

Axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica de Galicia traballan nun control policial na entrada á cidade de Ourense durante o primeiro día do seu confinamento debido ao incremento de casos de Covid-19
Axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica de Galicia traballan nun control policial na entrada á cidade de Ourense durante o primeiro día do seu confinamento debido ao incremento de casos de Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press - Arquivo.

Pontón pronunciouse deste xeito no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, onde mostrou a súa preocupación pola crecida "exponencial" dos contaxios, das persoas hospitalizadas, dos ingresados en UCIs e tamén dos falecidos.

"Que máis ten que ocorrer para que o Goberno galego e tamén o central poñan en marcha esa medida que sabemos que é eficaz, como é o confinamento de dúas semanas?", preguntouse.

A líder dos nacionalistas galegos sinalou que este confinamento se debería acompañar de "medidas económicas para poder salvar os sectores que máis van sufrir as restricións".

"Non haberá recuperación económica mentres non saiamos da pandemia", sinalou Pontón, que instou o Executivo galego e o central a "pór a vida e a saúde das persoas por diante". "A súa máxima obriga é protexer á poboación", subliña.

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou a "enorme inconsistencia" no discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusa de dar "bandazos" e de estar "máis preocupado" en "confrontar" co Goberno central que de adoptar as medidas necesarias ante a COVID-19.

Preguntado este xoves pola situación sanitaria e o debate sobre a necesidade ou non de incrementar as restricións (adianto do toque de queda, confinamento domiciliario) para facer fronte á pandemia, Caballero reprochou a actitude de Feijóo, que "hai dous meses" dicía que decretar o estado de alarma suporía "un gran perigo" e non permitiría "ter un gran Nadal e grandes datas de Semana Santa".

"Estaba fóra da realidade", sinalou, para criticar que a Xunta estea máis preocupada por "buscar debates estériles" que por adoptar todas as medidas á súa disposición, ao contar con autoridade delegada do estado de alarma.

O líder socialista non descartou tampouco a necesidade de incrementar as restricións ou de adoptar medidas máis duras para frear esta terceira onda, pero si apostou por tomar accións e decisións "ponderadas en cada momento".

"Xa escoitamos como o BNG no mes de outubro promovía un confinamento total", exemplificou, e que finalmente os datos evidenciaron que as medidas adoptadas foron "suficientes" para controlar a segunda onda da pandemia.

Por todo iso, pide ao resto de forzas políticas abandonar debates "estériles" en favor da "consistencia" e a "responsabilidade", sempre desde o respecto ás decisións adoptadas con criterios clínicos tanto desde a Xunta como desde o Ministerio de Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta