Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 15:23
A Xunta podería semiconfinar a boa parte de Galicia nos vindeiros días se non mellora a situación epidemiolóxica. Así o avanzou o presidente galego que avanzou que se poderían "intensificar e ampliar máis medidas e restricións nos vindeiros días" nos máis de 100 concellos xa pechados perimetralmente e con limitacións horarias.
Alberto Núñez Feijóo referiuse deste xeito ao modelo aplicado na segunda onda no Carballiño e repetido hai uns días en Arteixo, Viveiro e Xinzo de Limia. Un modelo que mantén pechada nos tres municipios calquera actividade non esencial, así como toda a hostalería, que só poderá ter servizo de recollida e de reparto a domicilio. Tamén están pechados os ximnasios, establecementos de xogo, bibliotecas e as actividades culturais.
O presidente galego defendeu a posta en marcha de novas medidas ante o aumento no número de contaxios e tamén da presión hospitalario pola covid. Neste sentido, recoñeceu que esta terceira onda xa é "moi superior" á segunda e que "tamén será superior en hospitalización e presión UCI a da primeira onda".
"Temos que facer esforzos, pero hai cidadáns que non os fan, e por iso, obrigan a que intensifiquemos as medidas que seguirán sendo, cada vez, máis restritivas", avanzou. Neste sentido, defendeu os protocolos activados polo Sergas para a contención da pandemia e suliñou que, se pasan duns mínimos, pois é normal que se apliquen restricións. "Seguiremos aplicando as medidas en función dos datos epidemiolóxicos", suliñou.
HOSTALARÍA
Neste sentido, non descartou un peche total da hostalaría. "É unha probabilidade", engadiu pero dixo que, antes deberá decidilo o Comité Clínico e, logo, "haberá que falalo" co sector hostaleiro.
Pola contra, Feijóo rexeitou un confinamento total da poboación, como o acontecido en marzo. "Esa medida debería ser a última en tomarse", apuntou ao aludir que, polo momento, "hai medidas menos traumáticas que esa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.