A Deputación de Pontevedra pide "axilidade" ao Estado para rebaixar as peaxes da AP-9

O delegado do Goberno asegurou que o Ministerio de Transportes e Axenda Urbana xa está a traballar na "armazón" do Real Decreto que regulará esta rebaixa "para todo o período que resta de concesión".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, mantiveron este xoves unha reunión telemática na que a mandataria provincial aproveitou para solicitar "axilidade" na entrada en vigor da rebaixa das peaxes da autoestrada AP-9.

Carmela Silva destacou o "avance sen precedentes" que, ao seu xuízo, supón a inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 dunha partida de 55 millóns de euros para abaratar todos os tramos "dunha vía estrutural para Galicia".

Pola súa banda, Javier Losada explicou que Galicia sofre "o pecado orixinal" da ampliación da concesión ata o ano 2047" por parte do Goberno de España presidido por Aznar", o que "imposibilita o fin do período concesional e a liberación das peaxes, como está a suceder noutras partes do Estado".

O delegado asegurou que o Ministerio de Transportes e Axenda Urbana xa está a traballar na "armazón" do Real Decreto que regulará esta rebaixa "para todo o período que resta de concesión". Segundo Losada, "o importante é facelo ben e evitar controversias xurídicas, pois a propia Xunta de Galicia acaba de recibir unha sentenza contundente do Tribunal Supremo que lle obriga a pagar cantidades a Audasa".

EXPLICACIÓNS Á XUNTA

Na reunión entre a presidenta da Deputación de Pontevedra e o delegado do Goberno en Galicia tamén abordaron as transferencias extraordinarias recibidas pola Xunta desde o comezo da pandemia. Carmela Silva pediu que o Goberno de España esixa ao Goberno galego información "transparente e detallada" do destino destes 735 millóns de euros transferidos e que explique "porque non está a chegar nin un só euro deses recursos extraordinarios ao mundo local", lembrando que as entidades locais son "as que xestionamos o día a día e as demandas da cidadanía".

"Facedes moi ben en pedir explicacións", respondeulle Losada porque, segundo apuntou, hai 224 millóns de euros especificamente dedicados a afrontar os efectos económicos da pandemia entre todos os sectores, e outros 93 millóns para políticas educativas ou 450 de políticas sanitarias públicas.

Javier Losada informou que o Goberno de España leva mobilizados 2.538 millóns de euros na provincia de Pontevedra desde o pasado mes de abril en medidas de apoio social. Durante a reunión, o delegado do Goberno puxo á Deputación de Pontevedra como exemplo palpable de "cogobernanza eficiente" entre administracións que exercen competencias nun mesmo territorio.

A reunión, conforme sinalaron as institucións, serviu tamén para repasar os asuntos tratados no primeiro encontro entre presidenta da Deputación e delegado do Goberno en agosto de 2018 como a reforma proxectada no nó de Bombeiros e as obras da circunvalación de Pontevedra que "están en marcha", así como os proxectos para a saída ferroviaria Sur de Vigo, a mellora da seguridade viaria na A-55, a nova sede da Tesouraría da Seguridade Social, ou a tramitación previa do túnel Porriño-Vigo, así como os contratos para as escavacións nos xacementos galaico romanos da provincia. Carmela Silva expresou a súa satisfacción ao comprobar que os asuntos tratados "acaban converténdose en feitos e que esta provincia avanza cada vez que nos reunimos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O "pecado orixinal" seica foi por culpa dunha muller que pretendía comer mazás gratis ! https://twitter.com/00Gamela/status... Temos 60% das UCIs ocupadas e algúns andan a facer ascensores de medio millón de euros co rótulo Vigo Vertical (tan vertical é o poder municipal en mans dalgúns que dá noxo !)