Galicia supera o cento de aulas pechadas pola pandemia

Alcánzanse os 2.461 positivos de covid-19 nos centros galegos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

O sistema educativo galego rexistra este xoves un novo máximo de positivos tras ascender o número de contaxios por COVID-19 en activo a un total de 2.461, uns 200 de diferenza respecto das cifras comunicadas polas autoridades sanitarias o día anterior.

Imaxe dunha aula
Imaxe dunha aula | Fonte: Europa Press

Ademais deste incremento do número de positivos en activo tamén aumentaron as aulas afectadas polos casos de coronavirus e xa son 103 as unidades pechadas por decreto da autoridade sanitaria. A cifra sería aínda maior se se engaden aquelas que se clausuran por iniciativa do equipo directivo centro e por aplicación do protocolo de seguridade.

Unhas seis escolas infantís mantéñense pechadas debido aos contaxios rexistrados nas súas instalacións, en concreto as unitarias de Crecente e Forcarei, ambas as dúas na provincia de Pontevedra; o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Riós (Ourense), Pequenucos de Cuntis, a E.I. municipal de Viveiro (Lugo) e a Unitaria da Pobra de Trives (Ourense).

As cifras de positivos increméntanse de novo en todas as áreas sanitarias galegas. Os centros da Coruña aglutinan o maior número de casos, con 623 e polo menos 24 unidades clausuradas.

O punto de maior incidencia mantense no IES Manuel Murguía de Arteixo, con 21 positivos

Os centros da área de Vigo, pola súa banda, ascenden ata os 520 (452 positivos onte) e as 28 aulas pechadas, ademais dunha escola infantil. E na área de Santiago, pola súa banda, suman 408 (20 máis) e 15 unidades pechadas. 

A área de Pontevedra conta con 257 positivos ademais de dez aulas e dúas escolas infantís clausuradas, mentres que a de Lugo ten 202 (17 máis), ademais de catro aulas pechadas e unha gardaría.

Finalmente, a área de Ferrol pecha de novo a listaxe con 174 (24 máis) e 10 aulas clausuradas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta