O Colexio de Médicos de Ourense pide abertamente un novo confinamento como o de marzo

Recoñece "ser coñecedor" dos custos económico e social que as medidas que propoñen poderían levar, pero destacaron que "nestes momentos a prioridade é salvar vidas".

Por E.P. | OURENSE | 22/01/2021 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

O Colexio de Médicos de Ourense esixiu aos responsables políticos e á cidadanía ourensá, "medidas moi contundentes para frear canto antes a rápida e negativa evolución dos contaxios", entre as que destacaron un confinamento domiciliario, "a forma máis rápida e segura para minimizar ao máximo os ingresos hospitalarios e as mortes".

O colexio recomendou, a través dun comunicado, un peche similar ao que xa se estipulou en marzo de 2020, durante a primeira onda do coronavirus, aínda que con certos matices: durante 20 ou 30 días, nos que se permitiría a actividade escolar, o deporte individual e os paseos ao aire libre dos convivientes.

Para a entidade, o aumento exponencial dos contaxios por covid-19 do que, segundo subliñaron, xa alertaran antes do Nadal, "está a levar ao límite das súas posibilidades ao sistema sanitario, unha sobrecarga asistencial cada vez máis difícil de asumir". Esta situación xustifica, segundo o Colexio Médico, a súa petición dun peche máis estrito.

Con todo, de non aplicarse o confinamento domiciliario, o colexio sinalou que si "é necesario restrinxir a actividade fóra de casa ao verdadeiramente esencial", así como "prohibir as reunións e encontros entre non convivintes, sobre todo en espazos pechados, incluíndo domicilios particulares".

FACER CUMPRIR AS PROHIBICIÓNS

Ademais, fixeron especial fincapé en que as forzas de seguridade fagan cumprir, "mediante os cambios lexislativos que sexan necesarios", as prohibicións estipuladas coas consecuencias penais que correspondan.

O Colexio de Médicos de Ourense recoñeceu "ser coñecedor" dos custos económico e social que as medidas que propoñen poderían levar, pero destacaron que "nestes momentos a prioridade é salvar vidas e garantir a asistencia sanitaria a todos os pacientes, tanto aos infectados por covid-19 como ao resto".

Un neno no interior dun piso en Santiago mentres sinala á rúa durante o confinamento
Un neno no interior dun piso en Santiago mentres sinala á rúa durante o confinamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta