As mulleres sen fogar, "as máis vulnerables de entre os máis vulnerables"

Os expertos piden a inclusión real do enfoque de xénero nos recursos destinados a paliar esta realidade social

Por E.P. | VIGO | 24/01/2021 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Traballadores e educadores sociais de diferentes entidades que traballan con persoas sen fogar en Galicia alertaron de que, a pesar de que está especificamente recollido no Plan de Atención ás Persoas sen Fogar de Galicia 2019-2023, non existe un enfoque de xénero nos recursos dispoñibles.

Así, ese documento, impulsado desde a Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta, establece entre os seus obxectivos a adaptación da rede de recursos para persoas sen fogar ás necesidades específicas das mulleres e menciona ao colectivo feminino en situación de 'senfogarismo' como un grupo con necesidades singulares.

"Nos últimos anos detectouse un aumento de mulleres en situación de 'senfogarismo'; e faise patente unha carencia específica de recursos dirixidos ás mulleres e as súas necesidades, ou a falta de adecuación dos recursos existentes", sinala o Plan, que ten un investimento previsto total de máis de 73 millóns de euros.

Precisamente, entre os obxectivos que a Xunta expón para o período 2019-2023 destaca a "aposta por incorporar o enfoque de xénero" nas políticas relativas a estas persoas, pondo o foco nas mulleres vítimas de violencia machista. De feito, o goberno galego traballa na elaboración dun estudo sobre 'senfogarismo' feminino e violencia de xénero.

Este fenómeno complexo non só caracteriza a aquelas persoas que viven na rúa, senón a todas as que non dispoñen dun domicilio estable, seguro e saudable. De feito, nin sequera hai estatísticas actualizadas sobre as persoas nesta situación. Así, o INE, nunha enquisa de 2012, cifra en 1.903 as persoas sen fogar en Galicia, das que 371 eran mulleres. Así mesmo, segundo datos de 2018, na comunidade galega hai 73 centros de atención para estas persoas, entre albergues, comedores e outros recursos, a gran maioría de xestión privada (aínda que contan con apoio económico público).

RECURSOS "XENERALISTAS"

A pesar dos obxectivos marcados pola administración no seu Plan de Atención, varios técnicos consultados por Europa Press sinalaron que a adaptación dos recursos á problemática das mulleres sen fogar non se realizou ou, polo menos, non se estendeu, aínda que moitos concellos contan con mecanismos de atención específicos para mulleres.

"Os recursos son xeneralistas e as necesidades das mulleres sen fogar son distintas ás dos homes. Son moito máis vulnerables", sinalou Pablo Sánchez, do Colexio oficial de Traballadores Sociais de Galicia e traballador na Cociña Económica da Coruña.

O feito de ter que compartir os recursos existentes pode supor un problema para as mulleres, como puntualizaron as educadoras sociais Lucía Rodríguez e Natalia Quintela, que traballan na entidade Alume Saúde Mental de Lugo. "Non se ten en conta a perspectiva de xénero. Danse casos de mulleres que non acoden a comedores ou albergues, simplemente por non ter que compartir espazos con homes, ou de mulleres que se atoparon nos centros cos seus violadores", sinalaron,.

MULLERES "ROTAS"

A pesar de que non se pode falar dun único perfil de muller sen fogar, todos os expertos sinalan de forma contundente que sempre presentan unha "desestruturación" moito maior que un home nesa mesma situación. Así, Pablo Sánchez afirma que "as mulleres son máis resilientes, adáptanse mellor e, cando chegan a unha situación de 'senfogarismo' ou de rúa, é porque xa esgotaron todas as alternativas" e "estiveron sometidas a condicións de vida que dificilmente soportaría un home".

Esa circunstancia tradúcese en que as mulleres sen fogar son persoas "totalmente rotas, cunha deterioración persoal extrema", segundo subliñaron as educadoras de Alume, que recalcaron que "son as máis vulnerables dos máis vulnerables". "E a isto súmanse outros factores, como a violencia de xénero, o desarraigamento se son estranxeiras e están en situación irregular, ou a ruptura de vínculos cos seus fillos", advertiron.

Ademais, hai outro elemento que incide de forma determinante na súa situación e é que moitas desas mulleres presentan problemas de saúde mental que, en ocasións, poden resultar "incapacitantes" e, ás veces, levar asociados problemas de adicción. Eses problemas son, habitualmente, motivo de exclusión dos recursos de atención.

As condicións "especiais" que rodean ao colectivo de mulleres nesta situación fan que as súas necesidades sexan diferentes: precisan un apoio emocional diferente, recursos de aloxamento nos que poidan ter aos seus fillos, atención á súa saúde sexual, etc.

Nun estudo elaborado por Cruz Vermella e a Xunta en 2017, a partir de entrevistas a persoas sen fogar e a profesionais, preséntanse como principais problemas das mulleres a falta de recursos económicos e a violencia de xénero. No mesmo informe, reflíctense os factores de risco que afectan as persoas sen fogar, e é rechamante que algúns, como o acoso sexual, o racismo ou a depresión, son "case exclusivos" das mulleres.

COLECTIVO "INVISIBILIZADO"

Unha das principais dificultades que condiciona a atención a estas mulleres é que son un colectivo "invisibilizado", segundo lembraron desde Alume: "Ás mulleres vellas menos, poucas chegan á rúa e, antes de estar na rúa buscan alternativas, aínda que iso as poña en perigo".

Así, os traballadores e educadores sociais alertaron sobre a frecuencia con que as mulleres "buscan unha parella, aínda que as maltrate, para sentirse protexidas". "É duro, pero a nós chegáronnos mulleres que recoñecían que se xuntaron cun maltratador porque prefiren que as viole un só home, antes que ser abusadas por máis dun home se están na rúa", lamentou Lucía Rodríguez.

Ese mecanismo de falsa autoprotección, unido a outras 'solucións' como "durmir no chan do piso dun coñecido, en casa dun familiar, ou ir dando tumbos por hostais ou albergues", fai que a situación desas mulleres permaneza "oculta".

'HOUSING FIRST', VIVENDA COMO PARTE DO PROCESO

As entidades sociais recalcan que un dos eixos fundamentais de intervención coas persoas sen fogar e, especificamente coas mulleres, debe ser o acceso á vivenda, non como un fin en si mesmo, senón como unha ferramenta chave no proceso de recuperación desas persoas.

Así, os técnicos defenden o modelo coñecido como 'housing first' e que xa está a funcionar nalgunhas cidades de Galicia, impulsado por estas entidades en colaboración coas administracións. Este sistema prevé o acceso a unha vivenda "sen condicións previas" para estas persoas, de modo que dispoñan dun espazo estable e seguro durante un tempo e, a partir de aí, poidan iniciar un percorrido de inserción e recuperación.

Ana Pardo, de Provivienda sinalou que os actuais recursos de aloxamento son, salvo algunhas excepcións, "parches provisionais" porque se trata de pisos temporais ou albergues "onde non se pode iniciar un proxecto de vida" . Ademais, no caso das mulleres, "non hai recursos reais para familias monomarentais".

"Non hai un parque de vivenda social adecuado. Non se pode pedir a unha persoa sen fogar que se forme, que acuda a unha entrevista de traballo ou que siga un tratamento médico se non ten un lugar seguro onde durmir ou darse unha ducha", remarcou, e avogou por que os servizos sociais teñan capacidade de xestión en materia de vivenda para abordar estas intervencións.

As mulleres sen fogar sofren unha dobre vulnerabilidade
As mulleres sen fogar sofren unha dobre vulnerabilidade | Fonte: Silvia López

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta