Cova Eirós revoluciona a arqueoloxía: “Racha o núcleo franco-cantábrico e a cronoloxía da arte rupestre paleolítica”

O arqueólogo Marcos García Díez explica nesta entrevista os revolucionarios achados artísticos neste xacemento galego, que amplía nuns 2.500 anos a duración da arte figurativa do Paleolítico Superior e convértese na cova máis occidental con gravados e pinturas deste período prehistórico, rompendo o límite franco-cantábrico fóra do cal se pensaba que non podían existir outros xacementos. O profesor da Universidad Complutense está "convencido" de que ten que haber máis xacementos en Galicia como Cova Eirós.

Por Alberto Quian | Madrid | 25/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cova Eirós é moito máis importante do que pensabamos. Este xacemento, no concello de Triacastela, racha por completo a xeografía establecida até agora da arte figurativa paleolítica e a súa cronoloxía, estendéndoa á “Fisterra da Idade do Xeo” e ampliándoa cando menos uns 2.500 anos. Os achados en Cova Eirós, onde en 2011 se atoparon as primeiras mostras de arte parietal do Paleolítico en Galicia, avivan máis o intenso debate científico sobre a extensión xeográfica e a duración da arte rupestre nesta etapa da Prehistoria.

Figuras atopadas en Cova Eirós: bóvidos e cérvidos (A), figura cérvida en negro (B), prótome bóvido (C),  prótome équido (D), bóvido gravado (E), motivo xeométrico gravado (F). / M. García-Diez, R. Viñas, A. de Lombera-Hermida, A. Rubio, X.P. Rodríguez-Álvarez, B. Ochoa, R. Fábregas-Valcarce, Cova Eirós (Galicia, Spain): The ‘Finisterre’ of Paleolithic cave art, Journal of Archaeological Science: Reports, Volume 35, 2021, 102756, ISSN 2352-409X, https://doi.org/10.1016/j.jasrep.2020.102756.
Figuras atopadas en Cova Eirós: bóvidos e cérvidos (A), figura cérvida en negro (B), prótome bóvido (C), prótome équido (D), bóvido gravado (E), motivo xeométrico gravado (F). / M. García-Diez, R. Viñas, A. de Lombera-Hermida, A. Rubio, X.P. Rodríguez-Álvarez, B. Ochoa, R. Fábregas-Valcarce, Cova Eirós (Galicia, Spain): The ‘Finisterre’ of Paleolithic cave art, Journal of Archaeological Science: Reports, Volume 35, 2021, 102756, ISSN 2352-409X, https://doi.org/10.1016/j.jasrep.2020.102756.

Cova Eirós está sendo explorada nos últimos anos por distintos grupos de científicos, coordinados polos profesores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera Hermida desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago, coa colaboración do Institut Català de Paleoecoloxía Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili.

Os investigadores que traballan en Cova Eirós veñen de publicar agora, na revista científica Journal of Archaeological Science: Reports, os principais achados artísticos realizados desde 2011 neste xacemento, onde analizan o seu impacto na xeografía e cronoloxía da arte paleolítica.

Os gravados e debuxos que agochaba a cova “amplían o territorio da arte rupestre paleolítica no norte de Iberia alén do núcleo tradicional franco-cantábrico”, salientan os científicos, que consideran que “o concepto de unidade cultural da arte ‘franco-cántabra’ debe ser descartado definitivamente” tras demostrarse que Cova Eirós contén unha reveladora colección de arte, converténdose no punto máis occidental no que se acharon gravados e debuxos paleolíticos, e o primeiro en Galicia, mais pode que non sexa o único. Os expertos afianzan agora a hipótese de que o territorio galego ten que albergar outros xacementos similares.

Non só iso. A arte atopada en Cova Eirós, explican, “demostra que a tradición artística do estilo paleolítico durou até 9.500-9.000 anos antes do presente”, o que cuestiona o “paradigma tradicional”, que “vinculaba a desaparición da arte paleolítica co fin do Magdaleniense (12.500-12.000 antes do presente)”.

“A arte rupestre de Cova Eirós proporciona información significativa sobre a esfera simbólica dos grupos humanos prehistóricos de cazadores-recolectores. A súa arte figurativa confirma a existencia dunha importante actividade gráfica nos momentos finais dos complexos industriais paleolíticos”, defenden os investigadores, que propoñen a “extensión temporal” da arte paleolítica.

Cova Eirós racha así con dous paradigmas que marcaban a dirección da arqueoloxía até agora. As probas son unhas 120 evidencias gráficas (pinturas e gravados), agrupadas en 13 paneis distribuídos ao longo da primeira metade do sistema.

Para entender mellor que é o que se atopou alí e o impacto que terá no relato da Prehistoria e, máis detalladamente, no do Paleolítico Superior, falamos con Marcos García Díez, profesor do Departamento de Prehistoria, Historia Antigua y Arqueología da Universidad Completense de Madrid e responsable do estudo sobre as pinturas e gravados atopados en Cova Eirós.

Por que chaman a Cova Eirós a “Fisterra da Idade de Xeo” e “Fisterra da arte rupestre paleolítica”?

Ás veces, tamén nas publicacións científicas, tes que buscar un título suxestivo para captar a atención. Pero ten un porqué. Cova Eirós ten dúas características que a destacan. A primeira é a súa localización, perdida no extremo máis occidental da Europa continental, case no Finis Terrae, sendo agora a cova máis occidental no continente con arte rupestre  paleolítico; de aí o xogo con “Fisterra”, ao erixirse no fin occidental desta arte. Doutra banda, ese concepto de “Fisterra”, que indica o fin, tamén nos vale para resaltar que a arte de Cova Eirós pertence ao período final do Paleolítico Superior, ao dos últimos grupos de cazadores-recolectores.

"Eirós non é unha cova máis, porque ten moita substancia para o coñecemento científico sobre a desaparición da arte paleolítica"

Resaltan no seu artigo que a xeografía e cronoloxía da arte en Cova Eirós racha paradigmas ao ampliar a dimensión espacial e temporal da arte paleolítica.

Efectivamente. Estes dous factores ou elementos son sobre os que se artella este traballo. Sempre houbo unha discusión sobre cando rematou a arte paleolítica, e sempre se pensou que algo ocorrera hai uns 12.000 anos. Ao redor dese momento empézanse a producir as últimas transformacións climáticas que nos van levar ao que é o noso clima. Sempre se pensou que aquel cambio climático xerou unha serie de transformacións sociais, económicas, etc. E esas transformacións terían ocasionado tamén a desaparición da arte rupestre paleolítica. Iso é o que se pensaba, o que estaba establecido. Pero nos últimos anos está a verse que non foi así, que non se produciu unha desaparición da arte rupestre hai uns 12.000 anos, senón que se produciron cambios no estilo das figuras, que se desvinculan da beleza naturalista de moitas covas clásicas. A arte seguiu existindo, o que pasa é que empezou a ser unha arte estilizada, con evidencias de esquematización na representación das figuras. A cronoloxía da arte de Cova Eirós esténdese ata uns 9.500-10.000 anos antes do presente, máis ou menos.

Falan dun intenso debate científico internacional sobre estas cronoloxías…

A datación e xeografía da arte rupestre paleolítica é unha discusión que estivo moi de actualidade nos últimos anos entre arqueólogos. E Cova Eirós é agora unha figura importante por estes achados que alimentan a discusión sobre un problema científico, non só na península ibérica, senón que esa discusión atangue tamén a Francia, Italia…

Que impacto ten Cova Eirós nese debate?

Eirós non é unha cova máis, porque ten moita substancia para o coñecemento científico sobre a desaparición da arte paleolítica, xa que achega información nova. Cando algo novo racha o que todos aceptamos durante décadas, pois de primeiras hai quen é máis remiso e outros que somos máis permeables á nova información. Cova Eirós súmase a outros conxuntos que existen na península ibérica que ofrecen datos para romper o paradigma establecido neste campo e sobre o que levamos media ducia de anos cun debate candente.

"Hai outra cova, só unha, na que existen datos contrastados para certificar o mesmo que en Cova Eirós, trátase da cova de Ojo Guareña, en Burgos"

Existen investigacións noutras covas que apoien as conclusións extraídas de Cova  Eirós?

Hai outra cova, só unha, na que existen datos contrastados para certificar o mesmo. Trátase da cova de Ojo Guareña, en Burgos, un enorme sistema cárstico de 113 quilómetros, onde hai unha sala, a ‘Sala das Pinturas’, que contén figuras similares ás de Cova Eirós e que están datadas entre uns 10.500 e 11.000 anos, máis ou menos. Como na de Eirós, son figuras xeométricas que se afastan do naturalismo clásico bonito de Altamira e outras covas clásicas; son figuras máis sinxelas, con corpos moi xeométricos que parecen medio rectángulos ou semicírculos, sen detalles anatómicos interiores, con certas deformacións, non hai proporción entre cabeza e tronco… É o mesmo mundo que en Cova Eirós, o que chamamos o finipaleolítico, o final do final do Paleolítico.

"Cova Eirós racha a xeografía cantábrica tradicional da arte rupestre paleolítica"

A outra gran conclusión é que Cova Eirós racha a xeografía clásica da arte rupestre paleolítica. Pode afondar un chisco nisto?

Así é. A visión xeral ata non hai moito tempo fora que a arte paleolítica era un fenómeno exclusivo europeo, e non só iso, senón que, dentro de Europa, considerouse principalmente franco-cantábrico, é dicir, da rexión cantábrica española e do sur de Francia. Esta visión estudámola coma se fose unha relixión. Pero foron aparecendo covas noutros territorios, por todos os sitios, e cando digo por todos os sitios non só me refiro á península ibérica, tamén a Rusia, Croacia, Acerbaixán, onde se descubriron centos de figuras de arte  paleolítico, o cal era inimaxinable. Cova Eirós apareceu nun contexto no que xa había unha discusión sobre a ruptura dese centralismo da arte paleolítica na zona franco-cantábrica. No norte da península, todo estaba focalizado en Asturias, Cantabria e País Vasco, e aínda que se empezou a aceptar a existencia desta arte en zonas do sur, no norte seguíase pensando que non pasaba deses tres territorios. Cova Eirós racha esa xeografía cantábrica tradicional da arte rupestre paleolítica.

O seu descubrimento tamén é importante porque nos está indicando que se nos poñemos a mirar sistematicamente en Galicia, e noutros territorios non tradicionais da arte paleolítica, probablemente aparecerán máis xacementos. O que nos está dicindo Cova Eirós é que esas visións que centralizan os feitos culturais en territorios concretos probablemente sexan falsas. Os feitos culturais están vinculados á mobilidade de grupos humanos, ás interconexións entre estes. E é algo que xa se vía; as poucas cousas achadas en Galicia do Paleolítico Superior conectan co mundo cantábrico, pero faltábanos a arte. Pois ben, xa apareceu e rompeuse ese limite asturiano que dicía que non podía haber nada máis cara ao occidente. E o normal é que aparezan máis. Teño claro que xa non se pode seguir vendo a arte rupestre do Paleolítico como unha arte cantábrica, que se cingue só a Asturias, Cantabria e País Vasco. E probablemente pase o mesmo coa zona catalá, que ten o mesmo problema que Galicia e non se buscou moito; hai menos dun ano apareceu un conxunto formidable na zona de Tarragona [covas de l’Espluga]. Cova Eirós, comparada con outros xacementos, é un conxunto modesto desde o punto de vista cuantitativo, polo número de figuras atopadas, pero desde o punto de vista cualitativo, para a discusión científica sobre a xeografía da arte  paleolítica é unha cova moi importante.

"Eirós pertence a unha forma de construír culturalmente que é ampla, que colle Galicia, norte de Portugal, a parte superior do interior norte peninsular, e chega ao Mediterráneo"

Tendo en conta que Cova Eirós se sitúa a uns 125 quilómetros da que estaba considerada até agora a cova con arte paleolítica máis occidental, a de Peña de  Candamo, en Asturias, puido haber algunha influencia desta en Eirós, pola mobilidade dos grupos de cazadores-recolectores?

A arqueoloxía dinos que os grupos de cazadores-recolectores tiñan un alto grao de mobilidade e de interconexión entre eles. Isto sabémolo polas materias primas que utilizaban. Por exemplo, ás veces aparecen tipos de sílex nun xacemento cuxo  afloramento está a 100 ou 200 quilómetros. Que implica Cova Eirós? Se temos figuras en Burgos, en Cataluña, no Mediterráneo…, e agora en Galicia, todo isto estanos falando dun alto grao de mobilidade, de conexión, e certo grao de cohesión cultural de todos os grupos humanos que estaban a vivir na península. E sobre isto estanos a contar moitas cousas a arte atopada neses xacementos; as converxencias que ás veces atopamos nun e noutro sitio fálannos dun alto grao de mobilidade e interconexión grupal.

No seu artigo introducen, entrecomiñado, o concepto “rexionalismo” para sinalar a existencia de peculiaridades gráficas nalgunhas áreas. Teñen algunha singularidade os gravados e debuxos de Cova Eirós?

Buscar singularidades ou particularidades pódese facer, pero ten os seus límites. Eu defendo que a través da arte rupestre é posible ter un achegamento ao que son os territorios culturais, entendéndoos como o territorio polo que se moven un grupo ou varios grupos humanos que comparten identidades na cultura, por exemplo, nos adornos, na arte…, é dicir, en todo aquilo que ten un compoñente de simbolismo. Todo o que son normalmente en arqueoloxía singularidades, ou se queres, elementos que mostran a diversidade cultural que había nun momento, están incluídos nunha base global, nunha base cultural común. Pero agora baixemos a Cova Eirós. Esta cova pertence a ese mundo final do Paleolítico, no que se descubriron uns patróns, por exemplo, na industria lítica, que nos falan dunha unidade cultural que incumbe practicamente a toda a península ibérica, Francia…, e que se observa en certa homoxeneidade duns procesos tecnolóxicos, de como facer as cousas, as ferramentas utilizadas… Pero dentro desa unidade cultural obsérvanse determinados “rexionalismos”, ou podemos chamalos particularidades. E Cova Eirós pertence a unha forma de construír culturalmente, de construír graficamente, que é ampla, que colle Galicia, norte de Portugal, a parte superior do interior norte peninsular, e chega ao Mediterráneo. É como unha franxa onde se atoparon cousas similares. O que se atopou está a dicirnos que existe unha particularidade aí, porque cando te vas ao Cantábrico, eses tipos de figuras non existen alí. Pero o compoñente industrial, as ferramentas, etc. son o mesmo en Cantabria, en Galicia ou en Portugal. É a arte o que está a sinalar certas particularidades, “rexionalismos” entre comiñas, ou como se queira chamar, que nos falan de certa unidade cultural dentro dunha unidade cultural maior. A arte permítenos buscar e identificar territorios gráficos, entendendo territorio como unha xeografía que vincula a grupos humanos que viviron nun momento puntual.

"As figuras de Cova Eirós apenas teñen detalles anatómicos, nada que ver coas de Altamira e outras covas" 

Que trazos formais e estilísticos definen a arte atopada en Cova Eirós?

O que se atopou principalmente son dous tipos de técnicas: gravados e pinturas. E os temas son principalmente dous ámbitos, o animal, é dicir, o figurativo, e o ámbito do non figurativo, que son os signos; a palabra “signos” é como un caixón desastre que temos os arqueólogos para identificar todo aquilo que non é animal ou humano: liñas, puntos, estruturas xeométricas máis ou menos complexas… Neste último traballo que publicamos centrámonos nas figuras animais. E as máis importantes atopadas en Cova  Eirós son as do momento final do Paleolítico. Que as caracteriza? Principalmente, son representacións de cérvidos e de bóvidos, do uro, antepasado das nosas vacas e touros, aínda que tamén algún cabalo… Son figuras moi sinxelas desde o punto de vista da construción formal e que se caracterizan pola existencia de desproporcións, é dicir, non son figuras proporcionadas, normalmente a cabeza téñena moi grande ou moi pequena respecto ao tronco, por exemplo. Tamén se caracterizan por uns contornos que non son  modulados, senón ríxidos; ás veces a cabeza parece unha forma trapezoidal, o tronco, rectangular… É dicir, representan partes anatómicas con estruturas xeométricas. Podemos dicir que eran moi ríxidos na forma de representar. Son figuras que apenas teñen detalles anatómicos, nada que ver coas de Altamira e outras covas. O que se tenta transmitir na arte de Cova Eirós é o básico dunha figura. Como moito, o que teñen son unhas pequenas raias paralelas moi simples no interior das figuras que tentan mostrar que o animal non é unha figura plana; é unha forma ríxida de transmitir que o animal ten volume, enchendo o interior do tronco con esas liñas.

En que estado de conservación están?

Como se conserva a arte rupestre é unha lotaría. Inflúen procesos xeolóxicos, condicións climáticas, a acción do ser humano… Eirós é unha cova de conservación media. É unha cova que tivo unha actividade humana moi longa no tempo, desde o Paleolítico Medio, hai uns 40.000 anos, ata a Idade Media. Mesmo durante a Idade Media fixéronse grandes lumes no interior da cova… Isto é o que levou a que as pinturas estean un pouco alteradas. Pero non é que alguén as degradase á mantenta. En comparación con outros conxuntos, eu diría que a arte de Cova Eirós está nun nivel de estado de conservación medio, é dicir, nin un desastre nin unha perfección. Pero repito, o seu estado de conservación débese á propia evolución histórica e natural do sitio.

"Cova Eirós non pode ser un fenómeno casual e único en Galicia. Estou absolutamente convencido de que ten que haber máis"

Comentaba antes que esta ruptura co paradigma que existía sobre a xeografía da arte rupestre paleolítica fai pensar que poden aparecer máis covas en Galicia e noutras zonas pouco ou nada exploradas. Está convencido diso?

Estou absolutamente convencido. Estamos a ver que cando aparecen grupos de arqueólogos que se poñen a mirar, a buscar especificamente algo, poderán aparecer máis ou menos xacementos, pero algo sempre aparece. Por exemplo, no País Vasco había catro, cinco, seis pequenas covas, e pensábase que Asturias e Cantabria compoñían o círculo do Paleolítico, pero nos últimos anos atopáronse moitas máis en terras vascas. Por que? As covas descóbrense ou ben por casualidade ou ben porque alguén vai buscalas. Por casualidade descóbrense poucas e porque alguén vai buscalas descóbrense máis. Ata que na Universidade de Santiago de Compostela, xente como Arturo de Lombera e Ramón Fábregas comezaron a interesarse, non se empezara a estudar isto de maneira rigorosa e sistemática. Non había en Galicia tradición no estudo dos grupos de cazadores-recolectores; poñíase máis o foco na época pospaleolítca, nos grupos produtores, metalúrxicos… En Galicia non houbo ata o de agora unha tradición de procura de xacementos e arte do Paleolítico Superior. O pouco que se descubriu até agora en Galicia probablemente se deba a esa falta dunha tradición de estudo desa etapa nesa xeografía. E estou seguro de que ten que haber máis dunha cova. Atopalas dependerá de que alguén o faga casualmente ou de que haxa grupos que se poñan a buscalas, e aparecerán, seguro, estou convencido diso, moitas ou poucas, non o sabemos, pero sairán. Cova Eirós non pode ser un fenómeno casual e único en Galicia. Sabemos que os grupos humanos movíanse. Outra cousa é que se atopen, que se destruísen por procesos naturais ou accións humanas, ou que se degradasen tanto que sexa moi difícil recoñecelas.

Recibiron xa algún comentario a estas novas achegas?

Non, aínda é pronto. Pero podo destacar que este traballo pasou por tres revisores, dos que dous non fixeron obxeccións, só pequenos consellos para mellorar cousas no artigo, pero a outro non lle gustou e a revista, no canto de aprobar ou rexeitar a súa publicación directamente, deixou que fluíse a discusión e fixéronse varias revisións. Desde que o enviamos ata que se publicou, pasou case un ano.

Quedan cousas por publicar?

Cova Eirós é unha cova da que seguirán saíndo cousas novas. As escavacións seguen, os estudos continúan e publicaranse máis cousas sobre o xacemento. No noso ámbito de estudo da cova, o que se terá que facer será publicar a monografía científica completa da arte de Cova Eirós, un libro no que se expoñan e expliquen de maneira detallada todas as figuras atopadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marilar Aleixandre

Interesantísimo!