Por X.M. Fernández | Allariz | 26/01/2021 | Actualizada ás 09:30
Logo dun 2020 complicado, no que houbo un estado de alarma a nivel estatal derivado da crise sanitaria pola Covid-19, os datos de recuperación de vidro no Concello de Allariz son bastante significativos, cun total de 209.830 quilos recollidos. Chama especialmente a atención o incremento de principios do 2020, ligado ao Nadal de 2019, con 18.360 quilos.
Durante os seguintes meses, por mor do Covid-19 e o inesperado confinamento, deuse unha forte baixada ligada que ten relación directa co peche da hostalería na primavera.
Agora ben, rematado o estado de alarma, volveuse coller o ritmo de reciclaxe esperado e en agosto acadáronse datos históricos en relación á reciclaxe de vidro na localidade.
Coa entrada do outono, os datos experimentan unha baixada coincidindo de novo co empeoro da situación sanitaria, recuperándose cara finais de ano aínda que non se chega aos datos de 2019. O balance anual reflicte, logo, un leve incremento de 2500 quilos en termos absolutos, aínda que co incremento de poboación que tivo Allariz no 2020 -o que supón máis quilos por habitante-, existe unha lixeirísima baixada, ligada sen dúbida aos períodos de restrición na hostalería.
Á vista dos datos, e tendo en conta as circunstancias deste ano, o goberno local valora moi positivamente o comportamento anual grazas ao compromiso da veciñanza e a hostalería na reciclaxe-recuperación do vidro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.