A pandemia deixa un récord positivo: o menor número de falecidos nas estradas desde que hai rexistros

Houbo 70 mortos en 2020. Na Coruña e Lugo descenderon as vítimas mortais, mentres que en Pontevedra mantiveronse en 24 e en Ourense aumentou nunha.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 25/01/2021 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Un total de 70 persoas perderon a vida nas estradas galegas o ano pasado, 18 menos que en 2019 e o menor número desde que existen rexistros oficiais, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia en base ao balance provisional de sinistralidade viaria da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). Un descenso que coincide coas severas restricións da pandemia.

Esta cifra representa un 8% menos que no ano anterior, cando houbo 88 falecidos e é "un 25% inferior á media do últimos cinco anos", precisa a Delegación do Goberno. Respecto diso, remarca, ao referirse ao descenso de falecidos, que "dez anos antes a cifra de falecidos chegou a 179 vítimas e que no 2000 perderon a vida 473 persoas nas estradas galegas".

Destas cifras de sinistralidade, o delegado do Goberno en Galicia lembra que 2020 foi un ano "marcado pola redución da mobilidade viaria a causa da pandemia da Covid-19 e o período de confinamento domiciliario". No entanto, afirma que espera que "os descensos conseguidos poidan consolidarse neste ano". Por outra banda, apunta que as maiores diminucións déronse no acceso ás cidades mentres que a circulación interprovincial veu menos afectada.

MENOS ACCIDENTES

O ano pasado, segundo estes datos, houbo tamén reducións significativas no número total de accidentes rexistrados con vítimas, accidentes mortais e feridos, de carácter leve ou grave.  Nas vías interurbanas rexistráronse o ano pasado 2.020 accidentes con vítimas, un 26% menos que o ano anterior (2.783 accidentes) dos que 67 foron accidentes con falecidos, un 19% menos que en 2019 (83 accidentes mortais).

No que respecta aos feridos, os sinistros na estrada ocasionaron 327 feridos graves (19% menos que en 2019) e 2.589 feridos leves (32,2% menos que o ano anterior).

Por provincias, o maior descenso deuse na provincia da Coruña, cunha diminución da sinistralidade mortal do 36% e un total de 25 falecidos, seguida de Lugo, cun 39% menos e 12 falecidos. Pontevedra rexistrou a mesma sinistralidade mortal que o ano anterior, un total de 24, mentres que Ourense suma unha vítima mortal ás cifras de 2019, con nove falecidos.

CAUSAS

Mentres, o 88,5% dos accidentes mortais do ano pasado déronse en vías convencionais e case a metade foron causados por saídas de vía, seguido polas colisións. Nos atropelos mortais, houbo un descenso cun total de seis fronte aos 21 do ano anterior.

No que respecta á idade das vítimas, rexistrouse un descenso significativo na franxa de idade superior aos 55 anos. En 2019, houbo 36 vítimas superiores a esta idade, das que 24 eran maiores de 65 anos. O ano pasado as vítimas destas idades diminuíron ata os 25 falecidos.

Controis na provincia de Ourense.. GARDA CIVIL DE OURENSE
Controis na provincia de Ourense.. GARDA CIVIL DE OURENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta