Denuncian caos organizativo e risco elevado de contaxio nos hospitais mentais de Galicia

O Movemento Galego de Saúde Mental critica á Xunta por non atender as súas suxerencias desde o inicio da pandemia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/01/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

O importante gromo de coronavirus no Hospital Psiquiátrico de Conxo, con 42 positivos (16 traballadores/as do centro sanitario e 26 residentes) fixo saltar todas as alarmas sobre a situación deste tipo de centros en Galicia. O Movemento Galego de Saúde Mental critica a situación de descontrol e risco de contaxio en todos os hospitais psiquiátricos que hai en Galicia.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

"Arredor de 500 pacientes e máis de 300 profesionais de toda Galicia permanecen nesta especie de limbo entre o hospitalario e o residencial", apunta esta entidade nun comunicado no que lembra que este tipo de persoas residen nun entorno pechado, de alto número de convivintes, con discapacidade recoñecida por trastorno mental grave, con frecuente comorbilidade física, en situación de vulnerabilidade socioeconómica e alto número de persoas de idade avanzada.

O "EXEMPLO" DE CONXO

E un exemplo desta situación de desorganización, di, é o acontecido no Hospital de Conxo. Así, lembra que pesar de que xa alertaron da súa caótica situación a pesar que desde a Xerencia da área sanitaria de Santiago afirman que, en marzo de 2020, se puxo en marcha un plan específico de continxencia para hospital psiquiátrico.

"Agora que existe unha situación de elevado risco polo número de contaxios nun centro pechado, de convivencia de máis de 300 persoas entre traballadores e residentes, non hai directrices claras e coñecidas por todos os implicados, e dá lugar a rumores, opinións diversas, criterios desiguais ou variables de día a día, sen coordinación efectiva que ordene o traballo e as medidas a implantar", indica esta entidade.

Neste sentido, lembra que agora saen á luz as carencias estruturais e funcionais do centro, xa denunciadas polo MNP-Defensor del Pueblo, "xa que non hai espazos específicos para manter o illamento das persoas contaxiadas". Unha situación á que se chegou porque, insiste, non se actuou por parte das autoridades sanitarias con celeridade desde o inicio da pandemia e mantívose durante todos estes meses "unha situación de desigualdade discriminatoria dos pacientes que alí residen (moitos deles levan décadas vivindo no Psiquiátrico) con respecto ás persoas que viven fora".

PLAN DE VACINACIÓN

Por iso, o Movemento Galego de Saúde Mental pide un plan de vacinación da COVID-19 para usuarios e traballadores destes centros nesta primeira etapa e coa maior premura posible. "Cumpren todos os criterios de priorización que asume o Ministerio de Sanidade e as CCAA: risco de gravidade, de exposición, de impacto e de transmisión, de intensidade alta en todos eles, e deberan estar asumidos no grupo I: persoas internas e persoal sanitario e sociosanitario en residencias de persoas maiores e con discapacidade", apunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta