As universidades galegas manteñen os exames presenciais malia a gravidade da situación sanitaria

As novas restrición atrasan ao 8 de febreiro o inicio do segundo cuadrimestre, que comezará sendo telemático.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/01/2021 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

As tres universidades galegas confirmaron que os exames do primeiro cuadrimestre do curso seguirán segundo o calendario previsto. Por tanto, as probas presenciais manteranse como tal a pesar do paso ao ensino telemático decretado pola Xunta para estas institucións académicas a partir do 8 de febreiro.

Román Rodríguez e os tres reitores galegos
Román Rodríguez e os tres reitores galegos | Fonte: Xunta de Galicia.

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, remitiu unha comunicación interna dirixida á comunidade universitaria na que confirma o mantemento dos exames e na que anuncia que se reforzará a vixilancia nas probas presenciais máis numerosas para evitar aglomeracións e garantir o cumprimento das medidas.

López avanza, ademais, que se ditarán as resolucións e instrucións necesarias unha vez que o Diario Oficial de Galicia publique as novas restricións, para adaptar a actividade ás condicións anunciadas pola Xunta.

En todo caso, o reitor agradeceu o "esforzo" de alumnos, docentes e persoal da institución para extremar o cumprimento das normas "de modo exemplar", e pediu traballar para manter a institución "como un lugar seguro".

O reitor da Universidade da Coruña, Xulio Abalde, sinalou pola súa banda que as medidas anunciadas "non cuestionan a seguridade" dos centros, senón que buscan "reducir a mobilidade e a interacción social".

Así mesmo, defendeu manter a presencialidade dos exames previstos para asegurar que non se desvirtúan unhas condicións de avaliación "similares" para o alumnado e insistiu en que "en ningún caso" a autoridade sanitaria indicou a necesidade de cambiar estas probas a formato telemático, mentres se respecten os protocolos de seguridade.

"A Universidade dá Coruña cumpre e cumprirá os requisitos das autoridades sanitarias escrupulosamente e estamos preparados para asumir unha docencia telemática de calidade", resolveu.

A Universidade de Vigo, pola súa banda, atrasará o inicio do curso ata o 9 de febreiro e os detalles do inicio da docencia virtual publicaranse nunha próxima resolución reitoral.

O reitor, Manuel Reigosa, confiou en que alumnos e traballadores "volvan dar o mellor de si" para evitar efectos negativos nesta "situación desfavorable".

Ao mesmo tempo, considerou que tanto PDI como PAS poderán acudir aos seus postos de traballo e non prevé "tomar medidas" no ámbito de investigación e xestión, debido a que de momento non se contempla o confinamento domiciliario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta