Xunta, Fegamp e deputacións tentarán acordar o mércores o plan de rescate a turismo e hostalaría

As deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, dispostas a pór 20 millóns, esixen ao Goberno subir o seu "esforzo" ao 1% das súas contas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Xunta, Fegamp, deputacións e Cluster Turismo de Galicia volverán verse este mércores para tentar chegar a un acordo para o plan de rescate á hostalaría e ao turismo fronte á crise da pandemia de coronavirus.

O tres partes reuníronse durante dúas horas e media este luns no que se anunciaron novas restricións para a mobilidade e a hostalaría, e volverano a facer dentro de dous días, debido á falta de consenso esta xornada para confeccionar un novo plan de axudas. Este novo plan conxunto, ao estilo do denominado 'modelo Valencia', naceu dunha reunión o día 13 entre Xunta e hostaleiros, encontro tras o que lanzaron a proposta. Entón, o Goberno galego expuxo un fondo no que as achegas fosen do 50% pola súa banda, o 30% os organismos provinciais e o 20% os municipios.

Isto provocou o malestar das deputacións con bipartito PSOE-BNG e tamén da Fegamp, presidida polos socialistas, e ambos queixáronse polas formas e por non ser convocados á cita. Días despois, Cluster Turismo de Galicia --que tamén se viu con responsables dos partidos políticos-- convocou para este luns a todas as partes, reunión á que as institucións provinciais da Coruña e Pontevedra --Lugo tamén, aínda que non estivo presente debido a un brote de covid-- acudiron cunha proposta para que cada administración achegue un 1% dos seus orzamentos a ese fondo.

Isto implicaría que a Xunta destinase algo máis de 110 millóns de euros, fronte aos 50 que ata o momento puxo sobre a mesa. O vicepresidente Alfonso Rueda, que participou no encontro este luns xunto á conselleira de Emprego, lembrou a continuación en rolda de prensa que o Executivo autonómico xa achegou uns 80 millóns nun primeiro plan cuxas axudas xa están "practicamente" concedidas na súa totalidade.

"UN ESFORZO MAIOR"

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, mostrou o "ánimo construtivo" destas administracións, pero remarcou que, na súa opinión, a Xunta debe facer "un esforzo maior", para chegar a uns 140 millóns en total.

De igual maneira pronunciouse o deputado de Pontevedra Carlos López Font, quen, ademais, mostrouse "convencido" de que ese fondo debería ser xestionado polos concellos, aínda que isto último deixouno "a criterio da Fegamp", tendo en conta que no encontro as partes compartiron que "debe ser" a Xunta quen o faga, pois xa ten os mecanismos.

Tanto Regueira como López Font, e tamén o presidente da Fegamp, Alberto Varela, remarcaron o "esforzo" da administración local, que pon recursos propios, algo que contrapuxeron coa Xunta, ao recibir fondos europeos. Con todo, Rueda indicou que tamén o Goberno galego recorre aos seus propios recursos.

Reunión da Xunta, a Fegamp e as deputacións para abordar as axudas para hostalaría. CONCHI PAZ
Reunión da Xunta, a Fegamp e as deputacións para abordar as axudas para hostalaría. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta