O ecoloxismo galego segue celebrando o peche das Pontes: "é a fin do carbón en Galicia"

Tratábase do “maior foco de emisión de gases efecto invernadoiro” da Comunidade, segundo Verdegaia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Continúan as reaccións en cadea á nova do peche da Central Térmica das Pontes. A clausura do histórico complexo, prevista para este mesmo ano, vén de xerar opinións diverxentes en distintos espazos da sociedade. No eido político, todos os partidos do arco parlamentar galego se manifestaron en contra do peche, replicando así a posición sostida polos principais sindicatos. No movemento ecoloxista, porén, as sensacións son distintas.

Endesa nas Pontes
Endesa nas Pontes | Fonte: Comité de empresa.

Pouco despois de que Endesa anunciara a clausura da central o pasado 19 de xaneiro, a plataforma ADEGA decidía celebrar publicamente unha nova moi agardada nas filas dos movemento medioambientais galegos. Así é que, nas últimas xornadas, esta primeira declaración de trunfo vén de ser completada con novas “celebracións” por parte de entidades como Ecoloxistas en Acción ou o grupo Galiza, un futuro sen carbón.

“Coa central de Meirama pechada desde xullo de 2020,  o cesamento da actividade da das Pontes en 2021 suporá o fin do carbón na nosa terra”, escriben dende Ecoloxistas en Acción. Segundo destacan nun comunicado público, o anuncio do peche das Pontes marca un antes e un despois no esquema enerxético estatal, xa que era “a derradeira central de carbón cuxo anuncio de peche aínda non era firme”. 

De igual xeito, tanto Ecoloxistas en Acción como Galiza, un futuro sen carbón celebran que as probas de ‘biocombustibles’ realizadas nos últimos meses non saíran adiante. Galicia Confidencial xa recolleu, en meses anteriores, a denuncia dun grupo ecoloxista a respecto deste modelo calorífico, ao que catalogaron de ser o “que máis contribúe ao cambio climático” do mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta