Menos do 20% dos escritores galegos vive das súas creacións segundo un estudo da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) dá este resultado na primeira fase da elaboración do 'Libro Branco de Escritoras-es en Lingua Galega', no que se realizou unha enquisa a 141 autores galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

un 17% dos autores en lingua galega dedícanse en exclusiva á escritura, mentres que no resto dos casos compaxinan a súa actividade literaria con outra ocupación laboral (no 36% dos casos coa docencia). Esta é unha das conclusións que dá a primeira fase da elaboración do 'Libro Branco de Escritoras-es en Lingua Galega', no que se realizou unha enquisa a 141 autores galegos.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) elabora este libro branco --con colaboración da Deputación da Coruña e CEDRO--, unha radiografía do sector que será completada este ano con dous informes xurídicos. Así, trátase dun colectivo con maioría de homes (63%). O 35% son mulleres e un 2% recoñécese con outras identidades de xénero. A media de idade é de 54 anos. En nove de cada dez casos, contan con titulación universitaria.

O 61% dos autores galegos leva máis de 20 anos dedicado á escritura. A dedicación horaria está limitada por outra ocupación profesional. Só o 30% di dedicarse á escritura de forma regular, tanto a xornada completa como con menor intensidade. Dentro do mundo literario, teñen outras actividades relacionadas nunha alta proporción: o 50% realizou traballos de tradución e máis do 40% de edición e crítica.

COLECTIVO "PAUPERIZADO"

O informe conta cun apartado referido á situación económica, no que se recolle que se trata dun colectivo "pauperizado" porque "necesita doutra fonte de ingresos para poder dedicarse á escritura". E é que a proporción de persoas que pode vivir da literatura "é moi escaso" con ingresos "mínimos" por dereitos de autoría. O 54% dos escritores galegos recibiron por este concepto no último ano menos de 1.000 euros.

O 72% ten dereitos de autor que supoñen menos do 10% dos seus ingresos anuais. Ademais, o 2% foi penalizado por compaxinar estes ingresos cos derivados da súa xubilación. De tal forma, conclúese neste estudo que a literatura é unha "actividade pouco rendible economicamente, excepto para casos excepcionais".

XÉNEROS

A maioría dos autores cultivan diferentes xéneros literarios. Só un 21% escriben obras dun único xénero. A narrativa é o máis habitual, posto que o 70% publicou algunha obra deste xénero. O 48% publicou poesía algunha vez. A media de publicacións por escritor é de 17. Unha cuarta parte sacou á luz máis de 20. O 70% ten obras traducidas a outros idiomas, aínda que se traducen menos do 20% das publicacións.

En relación co mercado editorial, o 89% dos autores non tivo nunca axentes literarios. O número medio de editoriais coas que se publica é de seis, con Galaxia e Xerais á cabeza (nun 44% dos casos). Pola súa banda, o 21% afirma que algunha vez enviou orixinais ás editoriais e non recibiu resposta algunha. En cambio, o 51% sostén que todas as obras que enviou ás editoriais foron publicadas.

O escritor e académico Manuel Rivas nunha presentación do seu libro 'Vivir sen permiso'. EUROPA PRESS - Arquivo
O escritor e académico Manuel Rivas nunha presentación do seu libro 'Vivir sen permiso'. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Manolo Rivas escrebe en galego e VENDE en castelán (?)