Outra borrasca, 'Justine', traerá fortes refachos de vento e intensas choivas en Galicia

Aínda que a borrasca entrará o xoves, Meteogalicia estima que "os efectos máis importantes" produciranse venres e sábado.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/01/2021 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

A borrasca Justine, convertida en cicloxénese explosiva, entrará en Galicia a última hora do próximo xoves, aínda que os efectos máis importantes produciranse, segundo indicou Meteogalicia a Europa Press, o venres e "probablemente" o sábado.

Serás unhas xornadas nas que se esperan intensas choivas e fortes refachos de vento. Os primeiros efectos da formación de Justine deixaranse sentir xa este mércores na zona da Mariña, en Lugo, en alerta amarela a partir das 18,00 horas por refachos de ventos superiores aos 80 km/h.

Un aviso que se manterá para o xoves na comarca lucense,  e que se ampliará, a partir das 09,00 h por ventos do suroeste de forza 7 na Costa da Morte e a costa noroeste da Coruña. Con todo, segundo indicou o meteorólogo Juan Taboada en declaracións a Europa Press, o groso da borrasca tocará Galicia o venres e durante as primeiras horas do sábado.

"Aínda que se trata dunha borrasca relativamente pequena, denomínase explosiva pola rapidez coa que se moverá, o que dificulta prognosticar, tanto a súa traxectoria exacta, como os seus efectos", explicou Taboada.

"A alerta mantense amarela, de momento, pero é posible que, nos próximos días con previsións máis precisas, cambie a laranxa", indicou Meteogalicia que, ademais dos fortes ventos e choivas que prevén para o venres, estiman "un probable temporal de ondas"para o sábado, ao abandonar a cicloxénese explosiva a comunidade.

De momento, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), mantén para o venres a alerta amarela en toda Galicia por fortes ventos, con refachos de ata 80 km/h, e na provincia da Coruña. A iso súmase un aviso da mesma intensidade no mar, con ventos do sur ou suroeste de forza 7.

Forte ondada na costa de Ribadeo coa chegada do temporal Bela, en Lugo, Galicia (España), a 27 de decembro de 2020.. Carlos Castro - Europa Press
Forte ondada na costa de Ribadeo coa chegada do temporal Bela, en Lugo, Galicia (España), a 27 de decembro de 2020.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta