Unha estatística indica que a covid podería ter levado 731 vidas máis das que dá conta a Xunta

O INE rexistra un exceso de mortalidade anómalo que supera, con moito, a cifra oficial de mortes da Xunta. Sanidade só conta como falecidos por covid os confirmados por PCR.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A cifra de persoas falecidas creceu en Galicia un 6,28% en 2020 respecto ao ano anterior (1.959 defuncións máis) e repuntou un 12,3% nas dúas primeiras semanas de 2021 en taxa interanual (231 mortes máis), segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este exceso de mortes de 2.190 persoas é superior en 731 persoas ao de 1.459 mortes que era a cifra oficial da Xunta de falecidos por coronavirus a 10 de xaneiro, segundo recolle na súa páxina web. A día de hoxe, o último dato oficial sitúase en 1.659 falecementos na comunidade por covid.

En concreto, o INE publica este mércores unha estatística experimental no marco da súa información para a análise do impacto da crise da covid-19, que é a estimación do número de defuncións semanais durante a pandemia. Esta estatística recolle que a comunidade galega suma 1.592 mortes nas dúas primeiras semanas de 2021, que son 231 máis que as do mesmo período do ano anterior.

O incremento foi do 12,3% na segunda semana do ano, con 852 mortes en total. Por provincias, nese sete días, A Coruña anótase un aumento das defuncións do 25,26%, seguida por Ourense cun 16,54% máis e de Pontevedra cun 6,24% máis. Pola contra, en Lugo baixan as mortes un 7,26%.

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián dunha residencia
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián dunha residencia | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Mentres, en todo o período (ano 2020 e primeiras dúas semanas do actual), o exceso de mortes estimado na provincia da Coruña é de 943 persoas. Séguelle o de Pontevedra, con 420, e despois as 431 de Ourense e 339 en Lugo. Esta última, a provincia lucense, é a única que presenta menos falecementos no cómputo global, con 19 persoas menos nas dúas primeiras semanas de 2021, aínda que en 2020 contabiliza 358 máis.

POR IDADES

Por idades, houbo un total de 498 mortes de persoas que tiñan máis de 90 anos nas dúas primeiras semanas do ano na comunidade galega (17 máis que no mesmo período do ano anterior), 374 de 85 a 89 (40 máis) e 235 de 80 a 84 (43 máis). Igualmente, no ano 2020, os falecidos de máis de 90 anos foron 9.746 (1.082 máis) e houbo 7.553 mortes de persoas de entre 85 e 89 (458 máis) e 4.817 de entre 80 e 84 (once menos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta