Santiago levará a pleno o plan que limitaba as vivendas de uso turístico na contorna do casco antigo

O Goberno local sinalou que este novo texto introduce os cambios motivados polas diferentes sentenzas emitidas neste sentido.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago avanzou este mércores que prevé levar ao próximo pleno do mes de febreiro o texto refundido da modificación do plan especial na que se limitaban as vivendas de uso turístico na contorna do casco antigo, tras varios fallos xudiciais que tombaron o acordo.

O último foi emitido o pasado 18 de xaneiro pola sección segunda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ante o recurso interposto pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) contra o acordo plenario do 15 de novembro de 2018, no que se aprobou definitivamente dita modificación.

O Goberno local sinalou que este novo texto introduce os cambios motivados polas diferentes sentenzas emitidas neste sentido. Segundo explicou, o acordo aprobado suprimiu a compatibilidade dos usos hoteleiro e residencial comunitario nesas ordenanzas salvo excepcións e declarou a incompatibilidade do uso da vivenda para a citada actividade turística ou aloxamento temporal de curta estancia, é dicir, inferior a 30 días consecutivos.

No entanto, o Goberno local lembra que un dos fallos emitidos polo TSXG, que é "firme", recoñecía a "xustificación" da modificación do plan e que esta estaba "motivada" en razóns de interese público, aínda que se viu obrigado a anulala por incumprir o proceso legal de exposición pública.

Ademais, defende que a medida non é "illada", senón unha "tendencia compartida a nivel europeo e nacional" polos seus efectos na habitabilidade dos centros urbanos e turísticos. Nun comunicado, Dulcinea Aguín, presidenta da Aviturga mostrouse satisfeita coa sentenza por defender "o libre exercicio da actividade de arrendamento de vivendas na capital galega", e insta o Concello a negociar.

"Esta sentenza, que para nós supón un forte apoio, debería indicarnos a todos que o camiño en calquera regularización debe ser a negociación". Neste sentido Dulcinea Aguín entende que o primeiro erro do Concello de Santiago foi adoptar un acordo de forma unilateral e pola vía da imposición.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE) - Arquivo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. CAPTURA (YOUTUBE) - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta