Caravana de centos de hostaleiros e provedores pola Coruña para denunciar a crise do sector

"Hai empresas que ás veces compiten por cota de mercado e hoxe están aquí xuntos, connosco", destacou un dos portavoces da plataforma, Pedro Vilariño.

Por E.P. | A CORUÑA | 28/01/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

Centos de hostaleiros e provedores do sector protagonizaron unha caravana de vehículos reivindicativa polas rúas da Coruña para denunciar o peche decretado pola Xunta. A plataforma convocante, Shostelería, busca "que as administracións sexan conscientes da dimensión desta crise a nivel socioeconómico" para o secotr.

Os vehículos, algúns rotulados con marcas de bebidas ou de distribuidoras, saíron das inmediacións do Coliseum e percorreron distintas vías principais da cidade con carteis da plataforma e coas súas bucinas accionadas en todo momento ata o estadio de Riazor.

"Hai empresas que ás veces compiten por cota de mercado e hoxe están aquí xuntos, connosco", destacou un dos portavoces da plataforma, Pedro Vilariño. "Preocúpanos a extensión do problema no tempo, saber que pasará despois da crise sanitaria", sinalou o hostaleiro ao finalizar a protesta.

"Somos hostalaría de proximidade e creamos sinerxías de barrio; somos o tecido socioeconómico que interactúa cos veciños", engadiu, remarcando a presenza na protesta de taxistas ou comerciantes.

Sobre o novo plan das administracións, Vilariño advertiu de que non se trata dunha subvención para mellorar os seus negocios. "Son axudas vitais porque dependen delas a vida das empresas e dos seus traballadores", apuntou, queixándose de que, ata agora, os hostaleiros tiveron que acudir a xestorías para salvar a "armazón burocrática" que, di, "entorpece e atrasa a percepción das axudas".

ERTES

A plataforma Shostelería tamén reclama a subida dos ingresos dos traballadores en ERTE xa que, lembrou o portavoz, "teñen unha caída de ingresos do 30%" e tamén terán, engadiu, "problemas fiscais para facer a declaración da renda" de 2020 por ter dous pagadores distintos.

Os hostaleiros coruñeses piden "colaboración" entre administracións, a creación de "mesas de diálogo" con todos os afectados e "campañas de concienciación" para a cidadanía sobre a normativa antiCovid para poder volver abrir "unha hostalaría segura". A plataforma, que aglutina a hostaleiros da cidade da Coruña, acudirá esta tarde á creación dunha entidade a nivel autonómico en Santiago para continuar reclamando un "plan de rescate" para todo o sector.

Concentración polas restricións impostas ao sector da hostalaría. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Concentración polas restricións impostas ao sector da hostalaría. M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta